Por Chantada presenta un proxecto para impulsar a recuperación enerxética e estrutural do Mercado Gandeiro

RibeiraSacraXa
A iniciativa inclúe a creación dunha comunidade enerxética pública para facilitar a transición ecolóxica, reducir os custos municipais e beneficiar ás familias máis vulnerables
mercado-gandeiro-chantada
Mercado Gandeiro de Chantada
20 Nov 2025

O grupo municipal Por Chantada – Interior Galego Vivo vén de presentar unha moción no Pleno do Concello de Chantada para promover a recuperación integral do Mercado Gandeiro, situado na Avenida dos Pilos. A iniciativa inclúe a creación dunha comunidade enerxética pública para facilitar a transición ecolóxica, reducir os custos municipais e beneficiar ás familias máis vulnerables.

O Mercado Gandeiro, explican, é un espazo polivalente e un punto estratéxico clave para feirantes, carroceiros e eventos tradicionais como o Castañazo. Con todo, advirten que, actualmente, atópase nun estado de deterioro significativo debido a “décadas de falta de mantemento”. O estado, din, é “lamentábel”. Entre os problemas denunciados pola formación están as cubertas de amianto, pingueiras, canalizacións rotas, unha instalación eléctrica obsoleta e a presenza de cascallos xunto aos baños, uso non autorizado na zona.

Desde Por Chantada lembran que a Unión Europea advertiu recentemente á Xunta do risco de perder parte dos fondos Next Generation se non se executan antes de agosto de 2026, e consideran que o Mercado Gandeiro é “unha oportunidade perfecta” para desenvolver un proxecto singular de comunidade enerxética pública, poñendo como exemplo modelos que xa están funcionando noutros concellos galegos como Allariz, As Neves ou a Mancomunidade do Ribeiro. Estas comunidades enerxéticas, sinalan, permiten producir e xestionar enerxía renovábel de forma compartida, reducindo a factura eléctrica municipal e facilitando que veciños e comercios participen e se beneficien do aforro.

Por iso, desde Por Chantada propoñen elaborar un proxecto de rehabilitación integral en catro meses, con seguimento na Comisión de Réxime Interior; crear unha comunidade enerxética pública para renovar cubertas e modernizar a infraestrutura eléctrica; realizar un estudo para asegurar a viabilidade de usos máis polivalentes na nave nova; e retirar nun mes os cascallos e prohibir novos vertidos no recinto.

Por último, Por Chantada denuncia que, aínda que o Pleno aprobou por unanimidade o seguimento destes acordos o pasado 7 de agosto, o alcalde aínda non incluiu este tema na orde do día para a súa avaliación periódica.

⚙ Configurar cookies
0.072294950485229