Por Chantada pide un pleno extraordinario para reprobar ao alcalde e rescindir o convenio dos macroparques eólicos

O grupo municipal Por Chantada – Interior Galego Vivo (PC-IGV) solicitou o pasado 4 de setembro a convocatoria dun pleno extraordinario en Chantada para abordar o convenio asinado o 14 de maio polo alcalde Manuel Lorenzo Varela coas empresas Tipuana Wind SL e Seyal Wind SL, promotoras dos proxectados macroparques eólicos Agratina e Agromaces.
Segundo a formación, o acordo, que afecta a dez parroquias de Chantada e Carballedo, supón un “ataque directo á democracia local e ao interese xeral”. O voceiro de Por Chantada, Antom Fente, afirmou que “non estamos só diante dun convenio ruinoso, estamos diante dunha traizón á confianza depositada pola veciñanza que non pode quedar sen consecuencias políticas”.
PC-IGV considera que a sinatura se realizou sen transparencia nin control institucional, xa que, aseguran, non se informou ao pleno nin á Xunta de Goberno Local, non se instruiu expediente nin se recabaron informes xurídicos ou económicos. Critican tamén que o documento “hipoteca 30 anos de política municipal con cláusulas leoninas”, incluída unha confidencialidade de 35 anos, e que os beneficios previstos para o Concello son “miserábeis”, ao situarse por baixo de 45.000 euros anuais.
Entre as peticións que Por Chantada levará ao pleno figuran a reprobación e demisión do alcalde, así como a rescisión inmediata do convenio. O grupo tamén defende que o Concello asuma a defensa xurídica da veciñanza afectada.
A alcaldía convocou xa a comisión informativa previa ao pleno para o 22 de setembro ás 13:30 horas, aínda que a data da sesión plenaria non foi fixada. O alcalde, segundo denuncia PC-IGV, limitou a orde do día a dous asuntos e descartou incluír a proposta de asistencia legal á veciñanza, amparándose nun informe de Secretaría.
“IGV seguirá a defender con rigor e compromiso a veciñanza de Chantada. Nen a opacidade, nen o caciquismo, nen as presións das multinacionais van facernos calar. Non imos consentir que o rural sexa moeda de cambio nin que se destrúa o futuro de quen aquí vive e traballa”, concluíu Fente.