Por Chantada pide que se habilite un espazo que sirva como local para diferentes colectivos
Por Chantada-IGV, vén de presentar unha moción, para o seu debate no vindeiro pleno ordinario da Corporación municipal, na que solicita a habilitación e acondicionamento dun espazo físico para uso como local de ensaio e creación das distintas agrupacións culturais da vila; así como a habilitación doutro espazo para o desenvolvemento do dereito de asociación, como local de encontro, debate e reunión.
Entende a agrupación que estes espazos deberan estar ao dispor das agrupacións e persoas que o soliciten, cun horario amplo para facilitar o aproveitamento por parte do maior número posible delas, e organizado e dispoñible baixo os principios de confianza e responsabilidade da veciñanza.
Ao tempo, a moción aposta pola creación dunha bolsa de agrupacións culturais (musicais, teatrais, literarias...) que tiveran interese en ter proxección pública e ser contratadas polo Concello como parte da Axenda Cultural da vila.
Defende a fundamentación do documento presentado por Por Chantada que “as asociacións e agrupacións culturais, e mesmo as persoas non organizadas que traballan na arte e na creación, teñen unha saudable representación na nosa vila, malia contar con escaso apoio institucional”.
E que a competencia das entidades locais na difusión e promoción cultural, “pasa por traballar nunha oferta cultural variada e coordinada, ao tempo que se facilita que as veciñas e veciños da nosa vila teñan posibilidades de formación e de creación cultural. E pasa, en definitiva, por democratizar a cultura”. D
efenden as promotoras da candidatura independente que “a mesma consideración de dereito fundamental, no cumio por tanto da protección no, ordenamento xurídico, está o dereito de asociación, como forma necesaria e desexable de desenvolvemento das persoas a través do traballo colectivo, de participación política e, no fin, de artellar comunidade e abondar en democracia”, e que “un concello comprometido cos valores democráticos quere e promove un tecido asociativo forte”.
Non descarta a agrupación municipal que ese espazo poida ser nun futuro a actual casa da cultura, cando se traslade a actual biblioteca, mais non se pecha nunha localización concreta e urxe, pola contra, a que se habilite canto antes.