Por Chantada pide o arranxo das estradas provincias

RibeiraSacraXa
Piden á Deputación un plan plurianual de aglomerado con datas e orzamento, que permita ter todas as estradas provinciais en condicións adecuadas antes de 2027
LU-P-1817
LU-P-1817
20 Jan 2025

A plataforma veciñal Por Chantada-Interior Galego Vivo critica o estado das estradas provinciais no municipio de Chantada, sinalando unha situación de abandono que consideran inaceptable. Segundo o seu voceiro, Antom Fente, mentres noutros municipios como Antas de Ulla e Monforte a Deputación de Lugo realiza obras de calidade, en Chantada a realidade é ben distinta. “En Antas e Monforte a Deputación aglomera e poden andar en zapatillas, mentres que en Chantada temos fochancas e gravillas. Non se pode rir un así da xente», sentencia Fente.

A denuncia vén motivada, entre outros exemplos, polo recente “arranxo” da estrada LU-P-1818, no tramo entre Xedive e Andemil, onde apenas se aplicou unha capa de grava sen rego asfáltico, segundo afirman. Este traballo, advirten, xa presenta buracos, confirmando para Por Chantada que o investimento realizado non ten a calidade esperada. “Os máis de cen mil euros investidos en Xedive deberon ir todos para o cartaz, o único que quedou ben”, explica Fente, facendo referencia á falta de resultados visibles.

Un plan plurianual de aglomerado

Por Chantada propón un plan plurianual de aglomerado con datas e orzamento, que permita ter todas as estradas provinciais en condicións adecuadas antes de 2027. Segundo o voceiro da plataforma, o investimento previsto para Chantada en 2025 é absolutamente insuficiente: “Comprometeron para o buraco negro do Gaiás de Antas de Ulla a mesma contía que din que van gastar en Chantada en todo un ano: 150.000 euros. Esa cifra non chega máis que para botar unhas gravillas, se temos en conta os quilómetros afectados”.

Entre as estradas que precisan intervención urxente destacan a LU-P-1817, na parroquia de Brigos; a LU-P-1816, nos quilómetros 1 e 2; ou a LU-P-1811, entre Rolle e Senín, onde recentemente se fixo unha intervención con grava que xa presenta dúas grandes fochancas. Ademais, critican que non houbo avances na ampliación da perigosa curva do Seixo, cuxa situación preocupa polo tránsito constante que soporta, especialmente ao estar preto do Sangoñedo.

“Non podemos agardar a que pase unha desgraza”, advertiu Fente, quen tamén lamentou a falta de resposta por parte da Deputación ao acordo unánime adoptado pola Corporación Municipal o pasado 10 de outubro, que solicitaba a reparación urxente das estradas provinciais.

Por Chantada acusa á Deputación de Lugo de discriminar ao municipio. Segundo a plataforma, o goberno da Deputación, formado por PSOE e BNG, prioriza investimentos noutras zonas, mentres Chantada segue esquecida.

Temén critican a “inacción” do goberno municipal liderado polo PP. “O alcalde non ergue a voz para defender Chantada, mentres seguimos padecendo unha situación crítica nas estradas e accesos rurais, que só se reparan de xeito puntual antes das elección”, denuncia Fente. “Para pasar recibos e cobros andan máis agudos”, engadiu.

 

0.093447208404541