Por Chantada pide á Xunta a mellora do transporte público no rural

RibeiraSacraXa
O grupo municipal Por Chantada-IGV levará ao pleno unha moción para que desde a Corporación local se inste ao goberno da Xunta a garantir a mobilidade dos municipios galegos reintegrando rutas de transporte público
estacion-de-autobuses-de-chantada
Estación de autobuses de Chanada
24 Feb 2025

No pasado Pleno do 30 de xaneiro, o Partido Popular de Chantada presentou unha moción para instar ao Goberno de España a garantir a mobilidade dos municipios galegos, retirando a proposta do novo mapa de concesións estatais de liñas de autobús, que suprime paradas en 22 concellos.

A proposta foi aprobada co voto a favor de toda a Corporación, aínda que Por Chantada presentou unha emenda ao considerar que "sería incoherente non incluír a mesma esixencia ao Goberno da Xunta de Galicia, que nos últimos anos recortou outras rutas e contribuíu ao progresivo illamento da nosa vila en materia de transporte público. A administración autonómica, en lugar de protexer os dereitos da cidadanía, priorizou os intereses económicos das empresas concesionarias, como teñen sinalado diversas resolucións xudiciais". A emenda foi rexeitada pola maioría absoluta do Partido Popular.

Así, como explica a concelleira Fernández Montes, Por Chantada-IGV reitera agora o contido da súa emenda a través dunha moción independente, cun novo intento de garantir unha mínima coherencia na actuación da Corporación. Desta vez, procuramos salvar os reparos do Partido Popular cun texto que demanda un trato xusto tanto ao Goberno de España como á Xunta de Galicia, independentemente das súas cores políticas. A moción insta á Xunta a garantir a mobilidade da veciñanza, recuperando as liñas de transporte público suprimidas nos últimos anos e reordenando as conexións de Chantada logo de estudar as necesidades da poboación. Este proceso debe ter en conta as demandas da veciñanza e as particularidades xeográficas e demográficas da vila, prestando especial atención ás conexións co rural. Así mesmo, reclámase a reintegración de Chantada nas conexións coas principais cidades (Pontevedra, Vigo, A Coruña) e a ampliación de horarios cara a Lugo, Ourense, Santiago e Monforte, incluíndo servizos que permitan á veciñanza desprazarse a primeira hora da mañá para cumprir xornadas laborais ou académicas. No caso de Monforte, ademais, solicítase un servizo que facilite o acceso en transporte público ao hospital de referencia das veciñas e veciños de Chantada".

⚙ Configurar cookies
0.27919983863831