Por Chantada pide a ampliación da curva do Seixo e a mellora das estradas provinciais

RibeiraSacraXa
A moción propón ao Pleno que desde a Corporación municipal se esixa á Deputación a ampliación da curva do Seixo, e que se leve a cabo a beirarrúa neste treito
curva-do-Seixo-na-LU-P-1807-Chantada
30 Aug 2024

O Grupo municipal Por Chantada-Interior Galego Vivo leva ao Pleno unha moción para que desde a Corporación se promova a ampliación da curva do Seixo e a mellora das estradas do ente provincial, "xa que se atopan nun estado catastrófico", sosteñen.

Son recorrentes as solicitudes de Por Chantada-IGV sobre a mellora do estado das infraestruturas viarias do termo municipal con independencia de quen sexa o seu titular (Estado, Xunta, Deputación ou Concello). Así, na pasada lexislatura foron varios os rogos para o arranxo de pistas, e mesmo se levou unha proposta para facer unha relación de pistas, catalogándoas polo seu estado de conservación, priorizando o arranxo das que supoñen un maior perigo para a seguridade viaria xa que, como refire a moción, "o desleixo de máis dunha década nas nosas infraestruturas sae caro a toda a cidadanía", apuntou Antom Fente, voceiro do grupo municipal.

Así, desde a agrupación explican que "este desleixo no caso das estradas titularidade da Deputación de Lugo é inxustificable, amais de verificar un trato desigual ao doutros concellos da nosa provincia como Monforte ou Antas, nos que o ente provincial semella non escatimar en orzamento para o mantemento das súas estradas ou mesmo supera a mesura no proxecto KM0 de Galicia en Antas, mentres na nosa vila non se cubre o básico".

Por iso, denuncian que "nin os escritos dirixidos desde Por Chantada á Deputación de Lugo, nin as mocións plenarias aprobadas por unanimidade da Corporación sobre o estado das estradas teñen resposta do ente provincial, unha falta de respecto á veciñanza que percebe como caciquismo que se prioricen os concellos dos altos cargos do PSOE na Deputación".

E engaden que "a inoperancia da Deputación non pode xustificar a inacción municipal", polo que seguirán insistindo na reivindicación dunhas infraestruturas dignas e seguras.

A perigosidade da curva do Seixo na LU-P-1807

Concretamente, Por Chantada pide a ampliación da curva do Seixo na LU-P-1807, "porque precisa ser ampliada para permitir unha mellor visibilidade e rematar co risco para a seguridade do tráfico peonil, que é elevado por ser un dos accesos ao campo do Sangoñedo e o principal acceso ás instalacións de ASDEME".

Así, a moción propón ao Pleno que desde a Corporación municipal se esixa á Deputación a ampliación da curva do Seixo, e que polo Concello se leve a cabo a urbanización dese treito con beirarrúas que permitan o acceso peonil nas debidas condicións de seguranza.

De saír adiante a moción, trasladarase á Deputación a urxencia de arranxar as estradas da súa titularidade, "que se atopan nun estado inaceptable".

Por último, a moción pretende que o Concello de Chantada estude as posibilidades de adquirir dúas leiras na contorna do Seixo para, tras a oportuna modificación puntual do PXOM, destinalas a zonas verdes, aparcadoiro e celebración de eventos e abrir unha rúa até a Ponte Nova que conecte con Zaquín.

Coa ampliación da curva e, se o concello fai as beirarrúas e adquire a parcela estremeira, Chantada "sería moito máis segura e contaría cun espazo para aparcadoiro e para a celebración de eventos sen facer padecer ás persoas sensibles e a centos de anciáns con doenzas severas na residencia Domus VI ruídos moi por riba dos decibelios permitidos para obter un descanso que xa lles é esquivo durante os diferentes festexos". Din isto referíndose ás barracas cun volume elevadísimo ata altas horas da madrugada que houbo ao lado da Residencia de Maiores durante as Festas Patronais.

0.15932703018188