Por Chantada maniféstase pola defensa da viticultura na Ribeira Sacra
Esta candidatura dos veciños do concello de Chantada, vén de manifestar o seu interese pola defensa da viticultura da zona.
Membros de Por Chantada afirman que “Agora que estamos na vendima vemos novamente as mentiras do Partido Popular. O alcalde e a Xunta, cando a saraiba arrasou ribeiras en San Fiz, negáronse a aprobar a demanda da declaración de zona de desastre natural e dicíannos que o que é asegurable non é subvencionable. Todos tiñamos o precedente de Sober na cabeza, mais insistían no seu cinismo extremo”.
Segundo a propia forza política afirma, “San Fiz segue agardando polo alcalde e a Xunta, mentres en Madrid o Goberno do Estado mostra que Por Chantada tiña razón, ao aprobar axudas superiores a 12 millóns de euros para as centrais frutícolas afectadas polas xeadas de abril. Daquela, o que non se podía facer en San Fiz pódese facer agora e as supostas xestións do senador en Madrid onde seica lle dicían que non se podía facer nada, resultaron ser paseos entre a Castellana e o Retiro”, destacan.
Así mesmo, critican que “O señor Manuel Varela puxo as siglas diante dos intereses de Chantada. Non é a primeira vez que o fai, infelizmente aí están as hemerotecas, mais é mostra clara da infamia. Tampouco coñecemos calquera proposta desenvolvida polo senador a prol dos intereses de Chantada e do interior galego”.
Ao tempo, deixan claro que “desde Por Chantada demandamos ao Goberno central intervir o mercado para topar os prezos da alimentación, mais o primeiro paso debe ser facer cumprir a lei da cadea alimentar para garantir prezos mínimos e permitir o traballo digno e o futuro para o noso campo. Non se pode lexislar para as grandes superficies e intermediarios mallando sempre nos produtores e consumidores, os máis débiles da cadea”.