Por Chantada maniféstase en favor da loita contra os accidentes laborais no agro

RibeiraSacraXa
A forza política Por Chantada maniféstase en favor da loita contra os accidentes laborais no agro presentando unha moción no pleno
tractor
18 Sep 2022

A forza política Por Chantada ten como obxectivo propoñer no seguinte Pleno a declaración de loito oficial naqueles accidentes laborais mortais que teñan lugar no agro.

Nesta moción, buscan solicitar á Xunta de Galicia que cada accidente laboral con desenlace fatal e cada vítima sexa acompañada coa correspondente declaración de loito oficial, así como que o concello de Chantada se comprometa a asumir esa declaración de loito.

En palabras de membros de Por Chantada: “Estas propostas convértense nun primeiro paso para rachar a invisibilidade dos que finan producindo alimentos esenciais para a nosa sociedade”.

Eles mesmos afirman tamén que “Xa hai meses que o movemento cidadán Interior Galego Vivo (IGV) demanda a declaración de loito nos concellos con morte en accidente laboral, sen que a Xunta dese mostras de sensibilidade. No entanto, asistimos a unha problemática que esixe tomar conciencia e social e pór medidas por riba da mesa”.

En consecuencia, sinalan que “no que levamos de ano cónstannos 13 pasamentos en accidentes de tractor. Unha cifra que tendo en conta o que resta de ano e que aínda fican importantes tarefas agrícolas por diante, pode superar os números do ano pasado. No ano 2021 a listaxe de vítimas tamén foi longa e os accidentes de tractor causaron máis mortes este ano que os de moto ou os atropelos”.

Nas súas propias palabras, “Apenas na provincia de Lugo rexistráronse 46 accidentes nos últimos 3 anos só nas estradas públicas, xa que as estatísticas non rexistran os que se dan en fincas privadas ou en pistas rurais. Trátase entón da punta do iceberg e cada ano este tipo de sinistros rematan coa vida de entre quince e vinte galegos e galegas.

A isto hai que sumar as ducias de persoas que morren producindo alimentos ou en accidentes laborais cada ano e, se ben puntualmente nalgunhas catástrofes se declara loito oficial, seguimos sen ter a sensibilidade que a magnitude do problema precisa. No mes de agosto o concello de Becerreá aprobou unha moción nos termos que agora propoñemos nós, a Corporación de Chantada”, afirman membros do grupo.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18138194084167