Por Chantada levará a pleno medidas para conseguir unha nova ponte sobre o río Asma
Por Chantada vai levar a pleno medidas para conseguir unha nova ponte sobre o Asma, xa que "en outubro de 2023 seguimos sen ter feito un trámite tan básico como renunciar formalmente ao convenio dos semáforos e apostar por levar a cabo actuacións básicas e propor solucións para o Bairro da Ponte".
Así, din que tanto eles como os demais partidos políticos, incluso o Partido Popular que o levaba no seu programa electoral, téñense mostrado a prol da construción dunha ponte de duplo sentido que conecte O Convento coa outra beira do río Asma, permitindo así que San Salvador de Asma e as parroquias ribeirás "gañen en conectividade ao tempo que se solventan as graves ameazas á seguranza dos peóns que se dan no Bairro da Ponte, en pleno Camiño de Inverno", sosteñen.
Así, Por Chantada aposta por peonalizar o barrio, converténdose nunha prolongación do Casco Histórico da vila e potenciando o seu valor patrimonial e turístico ao tempo que se actúa para a mellora na ribeira do Asma entre os dous núcleos.
Ademais, explican que tamén a Valedora do Pobo ten emitido "contundentes informes sobre a perigosidade á que se expoñen os peóns no Bairro da Ponte, o que inclúe tamén os peregrinos que fan o Camiño de Inverno".
Porén, denuncian que o Goberno municipal non fixo nada, a pesar das continuadas iniciativas e tamén das demandas da veciñanza, ao que o alcalde e Manuel Martínez, representante da Deputación de Lugo, decidiron "arbitrar sentido único con semáforos, unha medida nefasta", comentan.
Propostas de Por Chantada
Así, desde o partido político propoñen elaborar, no prazo máximo dun ano, un proxecto para construír unha estrada que decorra desde o transformador á beira do río Asma e unha ponte que conecte este último punto coa outra beira do río. De ser inviable, cren que o proxecto debera recoller unha alternativa tecnicamente axeitada que permita mellorar a conectividade de San Salvador de Asma e as parroquias ribeirás, ao tempo que solventar os graves problemas de seguranza que sofre o Bairro da Ponte.
No prazo máximo dun ano desde a redacción dese proxecto, o alcalde debería, segundo Por Chantada, presentar para a súa aprobación en Pleno unha modificación puntual do plan xeral de ordenación urbana que oficialice o trazado proxectado.
Ademais, din que a Corporación de Chantada deberá desisitir no convenio dos semáforos e negociar un novo segundo as obras previstas no proxecto que se elaborará. Tamén deberá impulsar accións decididas perante outras administracións para a construción dunha ponte de duplo sentido no Bairro da Ponte e un Plano de Especial Protección que englobe o Casco antigo, a Fábrica do Merluza e o Bairro da Ponte pulando pola peonalización, o soterramento dos cabos e o impulso dos valores patrimoniais e paisaxísticos.