Por Chantada lamenta que non saira adiante a súa moción para mellorar os equipamentos de emerxencias
Por Chantada - Interio Galego Vivo acolleu con "incredulidade e pesar" o rexeitamento da súa moción para a mellora dos equipamentos na asistencia de emerxencias en ambientes acuáticos por parte dos concelleiros presentes no Pleno.
O rexeitamento do PP (con 6 votos pola ausencia dunha concelleira) e a abstención do PSOE (2) tombaron as propostas consensuadas co corpo de bombeiros e que visaban trasladar ás institucións competentes as demandas de persoal e material que son necesarias para poder facer fronte a emerxencias acuáticas no ámbito de Chantada.
Concretamente, tratábase, segundo o grupo municipal Por Chantada, de "trasladar á Deputación de Lugo, á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior dependente da Consellaría de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta e ao Consorcio provincial de bombeiros, onde está Manuel Lorenzo Varela sen que serva para nada, unha serie de demandas consensuadas cos bombeiros urbanos. Os bombeiros vense impotentes sen un mínimo de material para actuar en emerxencias acuáticas", subliña Antom Fente, que engade: "é lamentable que teñamos que seguir lamentando vítimas e sendo un territorio con servizos de quinta división cando pagamos impostos como o resto. Non queremos ser máis, mais tampouco menos ca ninguén".
Así, argumentan que "é difícil de entender que PP e PSOE se neguen no Pleno da Corporación a trasladar unha serie de demandas que non eran nin tan sequera de Interior Galego Vivo, senón dos propios bombeiros, e que, coa mellor das intencións, permitirían reaccionar en caso de emerxencias acuáticas, que van en aumento pola falta de ordenamento dos fluxos turísticos. Foi surrealista escoitar do alcalde que xa non saben que pedir para Protección Civil", afirmou Fente, "cando non podemos equiparar voluntariado e profesionais, que son os que reclaman medios de seu que saiban como están e como funcionan cando é preciso. O tempo de resposta e a dotación de recursos e persoal suficientes son a diferenza entre a vida e a morte. O voceiro do PP tamén se escudou en que os recursos económicos son limitados, mais para Por Chantada salvar vidas e ter servizos públicos funcionais e eficientes é a prioridade máxima, por riba das luces de Nadal que semella son a prioridade para cada vez máis alcaldes", conclúen.