Por Chantada insta ao Concello a acometer melloras no ámbito deportivo

O Grupo municipal Por Chantada - Interior Galego Vivo rexistrou, o pasado 25 de abril, unha moción sobre diferentes aspectos a mellorar na xestión deportiva do Concello.
Dende IGV lembran que xa teñen levado ao Pleno outras consideracións en materia deportiva en forma de rogos e preguntas, e levan tempo falando con distintos colectivos e persoas relacionadas co deporte chantadés para completar e reordenar un compendio de medidas que a candidatura de unión popular xa levaba no seu programa, no epígrafe “Actividade física e deportiva” que vencella, non só a hábitos de vida saudábeis, mais tamén á creación e fornecemento de lugares de convivencia entre persoas de diferente idade e non restrinxida á competición ou a profesionalización.
Entenden por iso, que a construción de pistas e instalacións deportivas para toda a poboación, especialmente crianzas e mocidade e que, ao tempo, dea resposta ás necesidades dos clubs deportivos, debe ser unha prioridade para o Goberno Municipal.
A moción, que defenderá o voceiro da agrupación, Antom Fente Parada, insta ao concello a mellorar a axuda económica aos clubs deportivos en base a criterios prestabelecidos, claros e públicos, xustos e obxectivos.
Por outra banda, a moción fai alusión ás instalacións deportivas municipais. Con respecto ao campo de fútbol, adianta Fente que a moción reflicte a posición do grupo no senso de que “non ten moito sentido falarmos da hipotética creación dun novo campo, se non son previamente atendidas cuestións básicas de mantemento e seguranza do actual”. Unha das propostas da moción é a tramitación coa Secretaría Xeral de Deportes da construción dun novo campo de fútbol que, entenden, tería sentido “se é de adestramento, preferibelmente preto do xa existente, sinxelo e funcional, que aliviara a intensa carga do actual e atendera a alta demanda de adestramento” e se, ao tempo, desde o Concello, se mantivera nas debidas condicións o campo municipal do Sangoñedo, con múltiplas deficiencias, distinguindo entre as que, segundo Por Chantada, comprometen a propia seguridade do campo, doutras necesarias máis non da mesma urxencia. Entre as que comprometen a seguridade, as concelleiras de Por Chantada alertan unha vez máis sobre “o perigo que supón a curva do Seixo sen que se poidan seguir adiando medidas para previr “que un día teñamos moito que lamentar”.
A moción, expresan dende Por Chantada, aproveita “a relación de eivas do campo para salientar o que denominan a distopía que se representa na nosa vila, na que a rapazada ten que infrinxir as normas para acceder a un espazo onde xogar ao fútbol; e dá conta de que non se está prestando a atención necesaria á infancia e á mocidade, nin se lles están facilitando alternativas de lecer saudábeis”, facendo alusión, explican, a que o único espazo municipal onde pode xogar ao fútbol a cativada é o campo do Sangoñedo ao que non se pode acceder fóra dos adestramentos autorizados aos distintos clubs e equipas. E lembran que “hoxe, case calquera vila -mesmo con menos poboación- conta cun espazo non afastado, de fácil acceso para crianzas e mocidade, de pistas polivalentes para a práctica de deportes de equipo dotando á poboación nova dunha opción permanente e valiosa de lecer”. Por iso unha das propostas da moción é a de construír pistas multideporte exteriores abertas e gratuítas para gozo de crianzas e mocidade.
Con respecto ao pavillón a moción insta ao concello ao oportuno mantemento do que, din, da boa conta o rótulo de Pavillón Municipal ao que lle falta xa máis letras das que lle quedan. Ao respecto das Escolas deportivas, a moción, en síntese, fai un chamamento a repensar o modelo de financiamento, propón que a calidade prime sobre a cantidade e piden políticas municipais concretas para que os principios esenciais de convivencia, respecto e igualdade sexan fío transversal especialmente protexido no deporte municipal.