Por Chantada denuncia que a nova licitación do SAF "non solventa os problemas de fondo do servizo"
Por Chantada vén de opoñerse á nova licitación do SAF, un contrato de 5.791.584 euros, que denominan como "de costas ao Pleno" ao entender que a privatización da sanidade "non solventa os problemas de fondo que o servizo xera para as persoas dependentes e as súas familias, así como non atalla a precarización que vive o sector dos coidados no caso das traballadoras".
Así, o Partido Popular de Chantada aprobou en solitario a nova licitación do servizo de axuda no fogar en Xunta de Goberno Local, "despois de furtarlle as competencias ao Pleno como corresponde nos contratos que representan máis de 10% dos recursos ordinarios dun concello nun ano".
De feito, explican, Por Chantada foi o único grupo municipal que votou en contra desta retirada de competencias ao Pleno, "xa que entendemos que é o Pleno o órgano colexiado que escollen directamente as veciñas e os veciños e ao que calquera pode asistir, daquela é onde claramente se debería artellar o núcleo da vida política local e non baleirado de contido e ningunealo como sempre fixo o alcalde Manuel Lorenzo Varela".
Por Chantada acusa á oposición de "só fiscalizar o expediente en comisión informativa", mentres que "o alcalde cortou a intervención do noso voceiro, Antom Fente, como se non cobrásemos por asistir e tratar os asuntos nos órganos colexiados". Á saída, Fente afirmou que existe "opacidade no tratamento dos expedientes, furtan competencias esenciais do Pleno e cortan a liberdade de expresión e o debate democrático. Semella que hai moito que esconder".
Fente lembroulle ao alcalde durante a comisión que "vostedes en campaña electoral xuntáronse coas traballadoras para prometerlles solucionar as deficiencias e que ían axudar a impulsar unha cooperativa de traballadoras, a ver se así caía algún voto após ano de maltrato sistémico aos seus direitos e condicións laborais, e pasado o día pasada a romaría".
A nova licitación
A nova licitación suporá para as arcas públicas 5.791.584 para o período 2024-2027 e, no que resta de ano, continuará a empresa Samaín, cuxa prórroga de contrato fíxose a pesar do reparo da intervención municipal por irregularidades ao incumprir o artigo 29.4 da Lei de Contratos do Sector Público (LSCP).
Cada ano, o Concello de Chantada pagará 1.254.843,20 euros polo servizo, fronte aos máis de 900.000 euros actuais dos servizo xa privatizado, mentres que se fose a xestión 100% pública, o custo sería de 850.000 euros, "polo que o recadado (utentes, Xunta da Galiza e Plano Único da Deputación de Lugo) case cubriría os gastos, tal e como demostramos no seu día nun estudo económico que elaboramos desde Por Chantada".
Incumprimentos das condicións laborais
Por outra parte, desde Por Chantada denuncian que durante o actual período de privatización, coa empresa Samaín, as denuncias de incumprimentos das condicións laborais e as queixas das familias foron unha constante.
"Desde o noso grupo demandamos que se reunise a mesa de seguimento do contrato e que se adoptasen medidas, mais o Goberno municipal non tivo interese algún en solucionar as problemáticas do servizo (a nova licitación faise porque o contrato actual está caducado). En todo o expediente da nova licitación (G-1255/2023) non aparece por nengún lado a avaliación distes anos através dunha memoria por exemplo, mais si que ás empresas non lles “cobre” dar o servizo co prezo de hora actual, que pasará a estar entre 21 e 25 euros", explicaron.
Así, din que o servizo non vai mellorar porque non se incrementan as horas a respeito do contrato actual, polo que non se ampliará o servizo nin se reducirán as listaxes de agarda, "que tampouco son transparentes e públicas". Tamén sosteñen que se aplican ás traballadoras o convenio autonómico, que está denunciado polos sindicatos do sector, que demandan un novo convenio e máxime coa actual inflación.
Por outra parte, din que "os pregos non recollen maiores garantías que os actuais de que se velará polos direitos salariais e as condicións laborais das traballadoras en caso de incumprimento da nova concesionarias". E, por último, só mellora a parte económica nos gastos de explotación e funcionamento que redondea os beneficios empresariais, aínda que a cuestión do quilometraxe si que repercute das traballadoras, "mais non porque o Goberno municipal o decidise, senón porque obriga unha norma de rango legal superior (Orde HFP/793/2023, de 12 de xullo).
Por todo isto, o Goberno do PP demostra a súa incapacidade absoluta para a xestión e o seguimento dos expedientes dun concello, pois até o estudo económico foi encargado a unha empresa externa polo módico prezo de 650 euros por 19 páxinas (a 35 euros o folio prezo de notaría).
Por último, desde Interior Galego Vivo manifestan que a Xunta da Galicia "debería asumir integramente o custe do servizo para pór fin ás grandísimas disparidades que prexudican nomeadametne aos concellos do interior galego que apresentan simultaneamente menor orzamento, maior dispersión e maior rateo de envellecemento".