Por Chantada denuncia o mal estado das estradas de titularidade provincial
Por Chantada considera que o estado das estradas de titularidade do ente provincial é “vergoñento e as formacións que gobernan a Deputación (PSOE e BNG) teñen que pórse mans á obra con carácter inmediato”. Lamentan que “esta administración castigue a Chantada, o que unido ao desleixo municipal fai que as perspectivas do porvir para a nosa comarca sexan sombrías”.
Dende o grupo afirman que ”a veciñanza das parroquias de Chantada está farta de transitar por estradas desfeitas, que estragan rodas e producen reparacións mecánicas continuamente. Amais, os parches que se fan tarde, mal e arrastro non duran nen meses polo que a supervisión das actuacións ou é deficiente ou se toma o pelo aprobando este tipo de actuacións que supón, na práctica, tirar cos cartos públicos”.
Por Chantada denuncia que “non pode ser que o estado dalgunhas pistas da provincia estean en perfecto estado e noutras non se poda transitar, coincidindo curiosamente coas dos concellos aos cales pertencen os principais cargos políticos da Deputación. Iso ten un nome, o mesmo que tiña nos tempos de Cacharro Pardo: caciquismo”.
No tocante ás pistas do Concello de Chantada, xa en xullo de 2020 o grupo rexistrou unha moción para demandar o arranxo de varias estradas, tanto as de titularidade municipal canto as da Xunta e da Deputación. Pola mesma acordouse criar unha comisión municipal para decidir o arranxo das pistas municipais segundo o seu estado de deterioro, “mais este acordo nunca foi executado polo Goberno en stand by de Manuel Varela, que prefire seguir criterios opacos e abusar do contrato menor coa súa habitual falta de transparencia e eficiencia”.
A maiores, en diferentes plenos solicitaron o arranxo de numerosas infraestruturas e pistas e, con motivo do debate orzamentar, presentaron un plano de actuacións ata 2023 que contemplaba unha listaxe de estradas municipais para arranxar.
Por Chantada ten claro que “cómpre un Concello ao servizo de todas e todos e con ese horizonte seguiremos traballando e organizando á veciñanza, mentres as actuais administracións castigan o rural de Chantada e non nos permiten albiscar porvir nen construír futuro”.