Por Chantada denuncia o estado das estradas provinciais ao seu paso polo concello de Chantada

RibeiraSacraXa
Dende a organización formulan alegacións ante o proxecto de arranxo de varias vías presentado a semana pasada pola Deputación
fochancas-estrada-xedive-pereira-chantada
Fochancas na estrada entre Xedive e Pereira
17 Mar 2025

Por Chantada – Interior Galego Vivo formula alegacións tras o anuncio da Deputación dun proxecto de engravillado de varias estradas provinciais. Concretamente, a Deputación anunciou que acometerá melloras en varios tramos de seis estradas en Chantada por un importe de máis de 300.000 euros.

A actuación, segundo sinalaba Deputación, incluirá máis de 8 quilómetros da LU-P-1002, que conecta a Barrela coa Tilleira, desde o quilómetro 6, á altura de Esmoriz ata o quilómetro 14. Tamén se mellorará a totalidade da LU-P-1802, que une Chantada co Encoro de Belesar, e un medio quilómetro da LU-P-1803, que vai de Camporramiro a Castro de Carballedo, á altura da parroquia de Vilaúxe. Tamén, na totalidade da LU-P-1805, que conecta Seixo e Esmoriz, e os tres últimos quilómetros da LU-P-1806, que une Garabelos con Santa Rosa, así como os primeiros 100 metros da LU-P-11818, que enlaza coa N-540 á altura da parroquia de Pereira.

Porén, Por Chantada denuncia que a institución provincial anuncia más de 300.000 euros, pero sinalan que “unicamente figuran 282.000 euros no proxecto”. Ademais, din, “fálase de quilómetros como se se fose arranxar entre eses puntos quilométricos, cando unicamente se vai actuar sobre anacos”. Por outro lado, sinalan que “unicamente se vai proceder a parcheo e uso de grava” nestes tramos.

Dende a agrupación denuncian que “o estado das estradas do ente provincial no Concello de Chantada é absolutamente lamentable e ten consecuencias para os vehículos e usuarios, nomeadamente, aquelas que resistimos nos lugares das parroquias rurais”, e piden á Deputación que dea unha solución. Sinalan que dende 2019, o investimento en aglomerado en quente da Deputación de Lugo en vías da súa titularidade no concello de Chantada foi de 31.581 euros, destinados á mellora do firme da LU-P-1802 na parroquia de Sabadelle. Así, denuncian que “o actual goberno da Deputación do PSOE e do BNG levan apenas 1 quilómetro de mestura bituminosa en quente no Concello de Chantada en dúas lexislatura” e explican que, ademais, a obra fora licitada no goberno anterior. Sinalan ademais que “o recente arranxo entre Xedive e Andemil, na LU-P-1818, hai escasos meses xa ten fochancas”.

En definitiva, Por Chantada reitera a súa demanda de que “as estradas provinciais estean nun estado axeitado” e formula alegacións ao proxecto “para que se cumpra a legalidade, modificándoo cunha maior dotación e retrotraendo o expediente para dar cumprimento ao solicitado a prol da veciñanza de Chantada”.

⚙ Configurar cookies
0.2116551399231