Por Chantada denuncia o estado da estrada LU-P-1818 e demanda accións urxentes

RibeiraSacraXa
Por Chantada denuncia o estado da LU-P-1818, que "reflicte o abandono das estradas provinciais na comarca", explican, remarcando que foi arranxada con grava hai poucos anos, pero agora volve presentar fochancas de elevada perigosidade para vehículos e peóns.
Estrada en mal estado Por Chantada
3 Out 2023

Por Chantada denuncia o estado da LU-P-1818, que "reflicte o abandono das estradas provinciais na comarca", explican, remarcando que foi arranxada con grava hai poucos anos, pero agora volve presentar fochancas de elevada perigosidade para vehículos e peóns.

Así, din que o estado das estradas provinciais no termo municipal de Chantada "é unha problemática estrutural que require solucións urxentes e tamén que permitan reverter no medio-longo prazo esta situación, non podendo considerarse arranxo botar grava".

Desde a agrupación política dan voz á veciñanza do rural, que "sente indefensión, marxinación e unha total situación de desamparo", xa que o estado das estradas "dificulta a actividade agrogandeira da zona ao empeorar os desprazamentos aos lugares de traballo, centros sanitarios e escolas nun contexto de altísimo envellecemento poboacional e complicando tamén fixar poboación, contribuíndo para a demotanasia; pero tamén dificulta a prestación de servizos no fogar como poden ser o SAF ou rehabilitación ou o fornecemento diario de produtos de primeira necesidade e prexudica as iniciativas de turismo rural e a atracción de visitantes".

Por outra parte, afirman que a situación das estradas multiplica o perigo de estoupido de rodas, accidentes de tráficos con consecuencias nefastas, rotura de cárter, escape e outras avarías, lesións como escordaduras nos viandantes e, especialmente, mingua de confianza nas institucións.

Demandas por parte de Por Chantada

De todo o exposto, Por Chantada entende que o Servizo de Vías e Obras da Deputación de Lugo debe valorar sobre o terreo de xeito inmediato as estradas, concretamente a LU-P-1801, e orzamentar e executar arranxos eficientes e eficaces, que deberían pasar por aglomerar en quente as estradas supracitadas para garantir o funcionamento adecuado destes viais a longo prazo.

"Os remendos con grava e alcatrán que se teñen feito tarde, mal e arrastro só trouxeron consigo que o problema rexurda cada poucos meses e, xa que logo, significa dilapidar recurso públicos. Amais, urxe un correcto tratamento das gabias ao estar atuadas, así como reforzo dos valigotos e intervir onde se produciron escorregamentos de terra, e conservar axeitadamente as estradas, mantendo a cuberta vexetal e impedindo que as polas batan nos camións e autobuses", demandan.

Por último, cren que a Deputación de Lugo debe revisar a sinaléctica nos diferentes lugares para ter unha velocidade axeitada e instalar pasos de peóns nalgúns lugares.

0.21545696258545