Por Chantada denuncia a recente colocación de carteis meses despois da realización dunhas obras
Por Chantada vén de denunciar a recente colocación de carteis para " xustificar o cobro perante a Deputación" nunhas obras que se fixeron antes ou durante os comicios municipais do 28 de maio e con cargo ao Plan Único da Deputación.
"O caciquismo non ten ética e todo vale para confundir e enganar. Tampouco hai estética porque chantar nunha árbore un cartaz dunha institución pública é moi elecuente de quen nos goberna e cal é a súa sensibilidade", din.
Por outro lado, "temos un goberniño municipal que privatiza todo o que pode mais non fai seguimento de nada. A auga leva días saíndo toldada en varias rúas da vila (avenida de Monforte, Xoán XXIII, avenida Portugal, rúa do Comercio, rúa do Parque...) e desde o Concello non se dan explicacións nen se advirte sobre se é apta para o consumo humano a pesar de que hai unha web e redes sociais. Un escándalo e unha irresponsabilidade manifesta", engaden desde Por Chantada.
Así, esixen que o Goberno local e a empresa concesionaria (Viaqua) dean explicaciós á veciñanza e "practiquen a transparencia e a rendición de contas máis elementar".