Por Chantada denuncia a forma de actuar do Goberno local con respecto ás actividades de verán
O grupo municipal Por Chantada-Interior Galego Vivo, após presentar unha solicitude de acceso ao expediente de contratación da xestión do Campamento de Verán e do programa denominado Diverxuño, organizados polo Concello con subvencións da Xunta e do Estado, vén de advertir que non existe tal expediente por estar o proceso de contratación en trámite a quince días do remate do período lectivo e de inicio das actividades municipais orientadas a facilitar a conciliación das familias.
Así, explican que "nada se sabe de que oferta municipal haberá no mes de agosto e produce fastío formular as mesmas queixas ano tras ano, mais o principal grupo da oposición dificilmente pode quedar calado ante a enésima improvisación na organización do Campamento de verán".
Ademais, engaden que "sen traballo e planificación, por moito que se tire de chequeira, só saen trapalladas e, amais, outros concellos ofertan tamén atención polas tardes e xa anunciaron a súa oferta até o 10 de setembro. Un ano máis, resulte quen resulte a empresa gañadora do concurso, terá que contratar ao persoal que se fará cargo de centos de crianzas da nosa vila en cuestión de días, polo que a marxe de selección será case nula, repetíndose eivas xa sinaladas noutras anualidades".
Por outra parte, critican que desde o Concello que dixeran que“están a traballar” nunha actividade concreta para agosto, pero só para rapazada a partir de 9 anos, polo que "a maior dependencia das crianzas, máis dificultade para conciliar coa actividade laboral das familias", sosteén desde Por Chantada.
Con todo, conclúen que "foron numerosas as familias traballadoras que trasladaron ao noso grupo municipal un profundo malestar pola falta de previsión e tardanza en anunciar os campamentos de verao por parte do Concello de Chantada. Unhas queixas que se veñen repetindo desde 2021, cando se producira unha recollida de sinaturas moi numerosa na vila do Asma".