Por Chantada denuncia a falta de persoal no centro de saúde
Co Nadal ás portas e con vaga de gripes e pandemía de COVID-19 (37 novos casos nos últimos 14 días, dos que 22 se produciron na última semana) desde Por Chantada volven denunciar o colapso do centro de saúde de Chantada. Describen a situación actual como dantesca con cartaces que indican «Consulta pechada. Só se atenderán urxencias» xusto en plena onda da COVID-19 e con varios gromos en Chantada.
Dende Por Chantada denuncian que veciños que tiñan cita o 3 de decembro, vírona mudada para o día 20 de decembro e sen garantías de que poidan ser atendidos. Non entenden como o Sergas segue dando citas por Internet a pesar de que manteñen sen cubrir as baixas nin mandar medios. Aseguran que "hai médicos en Chantada con cupos de 1600 pacientes cando 70% dos mesmos teñen máis de 70 anos, polo que 1.000 pacientes no rural equivalen a máis de 4.000 nunha cidade en carga e intensidade de traballo".
Con máis de 8.000 habitantes no Concello, dous médicos deben atender todos os cupos e desde a xerencia de Lugo non se envía persoal polo que co persoal existente, 2 facultativos e 4 traballadores da enfermaría, só se dan atendido urxencias e se hai que ir atender unha urxencia ou atención domiciliaria fica un único médico para todo o centro de saúde.
Tamén denuncian que os rastreadores remiten para os resultados das PCR ao médico de cabeceira polo que PCRs feitas o día 1 terán que agardar até o día 14 para saber o resultado, mentres se dan altas aos 10 días sen PCR de confirmación para camuflar datos co que se arriscan a propagar máis a pandemía.
Na secuencia do exposto, dende Por Chantada afirman que "é materialmente imposíbel dispensar unha atención minimamente axeitada en plena vaga da COVID-19. Dous médicos non poden atender a máis de 90 pacientes cada un día após día ou empatando quendas de urxencias coas mañás reiteradamente. En novembro, os facultativos atenderon entre 60 e 90 pacientes ao día, o que equivale a dedicar apenas uns segundos por cada paciente, unha degradación absoluta e total da atención médica e da sanidade pública".
Acusan que "a propaganda da Xunta é que non hai médicos ou pediatras e mesmo pretenden desviar a responsabilidade desta suposta carencia cara ao Goberno central. O PP oculta que o Sergas só está ofrecendo medias xornadas de luns a venres, para aforrar o soldo e a seguranza social da fin de semana, que, aínda por riba, na práctica son xornadas completas de 9 a 13 horas con 60 pacientes e, moitas veces, empatando coas urxencias (noite). Nestas condicións, con contratos a días, enganosos e precarios; os facultativos foxen deles coma da peste".
Desde Por Chantada denuncian "a deliberada degradación da sanidade que practican Feijoo e o PP. Anuncian obras para centros que non terán médicos mentres non manteñen en condicións os actuais. As obras non salvan vidas, mais son máis lucrativas ca os soldos dos profesionais. Os dados e a realidade que todas e todos vivimos non se oculta con propaganda e titulares nos medios de comunicación. Fronte ás agresións á sanidade e á regresión dos nosos direitos animamos a todas as persoas afectadas a denunciar interpondo reclamacións no portelo único do Concello de Chantada, en atención ao paciente (hospital de Monforte) ou electronicamente: https://contacte.sergas.gal/QUEREW/main.do (require Chave 365 ou certificado dixital)".