Por Chantada demanda campamentos e políticas de conciliación adecuadas
A candidatura veciñal Por Chantada lamenta que o Goberno municipal non desenvolva políticas de conciliación axeitadas. No tocante aos campamentos de verán, opinan que "non é de recibo que comecen o 4 de xullo, cando a escola remata dúas semanas antes, ou que teñan horario de oficina (de dez a dúas)".
Neste senso, cren que dá a ver que a xestión municipal é unha improvisación continua "que se vai tapando aínda por riba a golpe de talonario (vía impostos de todas e todos claro) ou tirando do tecido veciñal e asociativo, máis sen iniciativa propria nen planificación".
Por Chantada recorda que o ano pasado se lamentaron do tarde e á presa que se organizaron os campamentos, impedindo unha planificación axeitada ás familias, e que "este ano a previsión temporal mellorou algo, mais son claramente insuficientes por datas e horarios". Ademais de haber prazas dispoñíbeis insuficientes que agardan que se se amplíen xunto coa calidade do servizo.
Por Chantada defendeu diversas iniciativas no pleno para desenvolver políticas de conciliación axeitadas, desde a aplicación da Galiña Azul, que semella que logo de anos se vai facer unha realidade, até a proposta dun Plano Madruga análogo ao existente noutros concellos.