Por Chantada critica a organización dos campamentos de verán por parte do goberno local
O partido político Por Chantada expón que "numerosas familias traballadoras trasladaron ao noso grupo municipal un profundo malestar pola falta de previsión e tardanza en anunciar os campamentos de verán por parte do Concello de Chantada e subliñan que son totalmente insuficientes para conciliar".
Así, lembran que en 2022 e 2021 "xa tivemos que lamentar o tarde e á presa que se organizaron os campamentos, impedindo unha planificación axeitada ás familias, o que mesmo suscitara unha recollida de sinaturas moi numerosa na vila no 2021 e queixas no 2022 por datas e horarios", comentan.
Argumentan que os campamentos só para o mes de xullo non permiten a conciliación familiar e "incrementa os atrancos para moitas familias, obrigando a recorrer á rede familiar, gastar na oferta privada ou sobrecargando á familia, case sempre á muller, que segue asumindo unha maior carga de coidados e ten que moitas veces deixar de traballar pola imposibilidade de conciliar".
Din que todos os anos se repiten os mesmos erros e iso "só pode entenderse como unha falta absoluta de vontade de planificar e traballar para ofrecer servizos á altura do tempo e do que a sociedade chantadesa precisa".
Por último, miran cara a outros concellos máis pequenos, como o de Pantón ou o do Saviñao, que ofertan todo campamentos todo o verán e, en cambio, en Chantada, a única forma de conciliar é acudindo "á oferta privada, que non todas as familias traballadoras poden permitirse".