Por Chantada critica a negativa do PP á súa proposta para impulsar unha estratexia municipal integral de vivenda

Por Chantada – Interior Galego Vivo critica a negativa do Partido Popular á moción sobre vivenda defendida no pasado pleno, na que instaban ao Goberno municipal a impulsar unha estratexia municipal integral que permitira mobilizar o parque de vivendas baleiras, fomentar o alugueiro accesible e garantir o acceso á vivenda, nomeadamente aos colectivos máis vulnerables e a persoas que teñan intención de mudarse ao concello, ao tempo que se intenta frear o “alarmante” problema de baleirado do rural.
Un problema que, dende Por Chantada, consideran “macro e estrutural, que tamén afecta á nosa vila, e que require de accións políticas en todos os niveis e tamén no municipal, como evidencia o feito que sexan xa moi numerosos os concellos que están sacando adiante medidas nese eido”, pero que contou co voto en contra do PP.
As medidas concretas, explcian desde a formación, pasaban por levar a cabo unha análise da situación da vivenda en Chantada que permita desenvolver no futuro medidas concretas e acertadas neste eido, nomeadamente a elaboración dun censo municipal de vivendas baleiras e outro de demandantes de alugueiro; establecer incentivos fiscais municipais para as persoas propietarias que incorporen vivendas baleiras ao mercado do alugueiro de residencia habitual e para as que leven a cabo obras de acondicionamento con tal fin; estudar a posibilidade de modificar a Ordenanza Fiscal Reguladora do IBI; crear un programa municipal de intermediación no alugueiro; establecer un sistema de certas garantías municipais para o alugueiro destinado a colectivos vulnerables; impulsar convenios de colaboración con outras institucións; e, finalmente, desenvolver campañas de información e sensibilización e realizar unha avaliación periódica sobre a eficacia da estratexia unha vez posta en marcha.
A moción, lamentan desde Por Chantada, non saíu adiante pola oposición da maioría absoluta do Partido Popular, que a rexeitou, lembra o voceiro, Antom Fente parada, “co xa cotián argumento de que presentamos mocións moi longas, pero sen terse molestado en propor emendas ou intentar chegar a acordos de mínimos nun problema non que o Concello non se pode permitir seguir na inacción”.