Por Chantada considera que a OPE do Concello de Chantada son "ilegais"

RibeiraSacraXa
Por Chantada presentou un recurso administrativo de reposición contra as bases do concurso-oposición de estabilización de emprego (OPE) do Concello de Chantada.
18 Xan 2023

Por Chantada presentou un recurso administrativo de reposición contra as bases do concurso-oposición de estabilización de emprego (OPE) do Concello de Chantada.

O grupo político considera que as bases que rexen a OPE non se axustan a dereito "ao vulnerar os principios de igualdade, mérito, capacidade, concorrencia e publicidade e, portanto, son manifestamente ilegais" ao excluír unicamente ás prazas de cinco limpadoras, a pesar de ser prazas "estruturais e tendo privatizado tamén o servizo nun procedemento chapuceiro", explicaron.

Así, Por Chantada di que o goberno local exerce unha "clara discriminación de xénero nun colectivo feminizado" e que "se vulnera a igualdade de trato entre homes e mulleres" porque, segundo eles, "prexudica a un colectivo feminizado e especialmente precarizado e vulnerable en desvantaxe con respecto doutros traballadores municipais".

Consideran as bases nulas

Por Chantada recorda que xa na pasada sesión plenaria do 1 de decembro e na comisión informativa precedente advertira da ilegalidade desta cuestión e que as bases non se publicaron na web ata que este grupo denunciou a situación. Ademais, din que o formulario para poder participar non está ao dispor das persoas interesadas na web do concello, "incumprindo o ponto 4º das bases", explican.

Tamñen expoñen que as bases son ilegais por ser só de concurso, sen exame, e que puntúe máis traballar no Concello de Chantada que noutro concello. "Só falta entón que puxesen nomes e apelidos ao pé de cada praza con estas bases propias das prácticas caciquís", defenden.

Por Chantada solicita que o Concello de Chantada anulea as bases e esixen que se suspenda o procedemento ou que as modifique "nos termos propostos" para poder abrir un novo período de presentación de solicitudes.

Finalmente, Por Chantada lamenta tamén "o silencio cómplice" dos representantes dos sindicatos CIG e CSIF no Concello ante esta cuestión.

0.10432505607605