Por Chantada confirma que a auga da fonte da Ponte “non é apta para consumo” e pide explicacións ao Concello

RibeiraSacraXa
Denuncian “falta de información por parte do Concello” e aseguran que as probas realizadas confirman que a auga “non é apta para o consumo pola presencia de bacterias coliformes”
fonde-a-ponte-chantada
Fonte da Ponte, Chantada
8 Jul 2025

Por Chantada – IGV advirte á veciñanza de que a auga procedente da fonte da Ponte non é apta para o consumo. O grupo recolleu mostras desta auga para levala a un laboratorio, que tería confirmado que “esa auga realmente non é apta para o consumo pola presencia de bacterias coliformes (contaminación fecal, puríns, descomposición orgánica de materia...)” o que a converterían “nun produto de risco para o consumo humano”, segundo os expertos científicos consultados.

Os resultados apuntan, segundo explican dende Por Chantada, a que “non só supón un risco a contaminación microbiolóxica por bacterias coliformes, que na analítica excede dos límites permitidos amplamente; senón que a presenza de nitritos (0,01), se ben está dentro do legalmente permitido (0,05), supón segundo diversos estudos, un risco para a saúde das persoas (transforman as aminas en nitrosaminas que son altamente canceríxenas) e, nomeadamente, para as crianzas nos primeiros meses de vida, xa que pode converter a hemoglobina en metahemoglobina que non transporta oxíxeno e podería dar lugar a unha cianose”.

Denuncian a “falta de información por parte do Concello” e lembran que hai unhas semanas, a fonte estaba precintada pola policía local e presentaba un cartel onde se podía ler a frase “non tocar”. Porén, din, “ao día seguinte o cartas xa non estaba, malia que as bandas, medio caídas, seguiron uns días”.

Explican que nese tempo, agardaron a que o Concello publicase un bando ou información sobre o estado deste servizo. Porén, din “as redes sociais do concello apenas están para a propaganda do PP, que as usa como se fosen as do partido, en canto as explicacións seguen sen producirse por parte dun goberno opaco e que pensa que está por riba da cidadanía”.

Esta falta de información, din, foi o que provocou que o seu grupo levara de forma independente a mostra a un laboratorio. Agora, Por Chantada entende que “se debe evitar o consumo da auga da fonte en tanto non haxa una información clara, fiable e confiable sobre os estado das augas que consumimos”, e afea directamente “ocultismo e a incapacidade diste concello nun tema tan básico como a saúde son reiterados e deberían producirse responsabilidades políticas co cese do responsable de non informar que a auga non é apta para o consumo”.

Consideran, ademais, que “o concello debería analizar as diferentes fontes públicas periodicamente e publicar periodicamente un resumo do estado das mesmas, así como informar puntualmente e coa debida difusión de calquera risco que para a saúde das persoas puidera supor o seu consumo, tomando ao tempo medidas de seguridade serias e efectivas para alertar cando non estea totalmente garantida a salubridade”, e aseguran que problema “é moi grave”, especialmente “pola forma de actuar do PP”.

⚙ Configurar cookies
0.12941884994507