Por Chantada chama a veciñanza a mobilizarse para frear un novo parque eólico no municipio

Por Chantada – Interior Galego Vivo manifesta a súa firme oposición á construción dun macroparque eólico de tramitación estatal en Chantada. Trátase, explican dende a formación, de 33 muíños cunha produción anual estimada, segundo a empresa, de 700.000 euros cada un. Para eles, os Parques Eólicos Agratina e Agromaces representan unha ameaza para os concellos de Chantada e Carballedo con muíños a menos de 500 metros das casas.
Por iso, chaman á veciñanza a participar o sábado, 14 de xuño, nun acto informativo no local social de Santa Uxía de Asma. Explican que o expediente “está cheo de erros” e poñen como exemplo que o proxecto localiza os muíños e parcelas de Ludeiro, a Lagoa ou Pereira no concello de Carballedo. “Tampouco pediron a declaración de interese público co obxectivo de que as persoas propietarias non se decaten desta primeira exposición e non aleguen ao trámite medioambiental (a DIA) e a un proxecto de milleiros de páxinas”, sinalan.
Trátase, din dende a formación, dun macroproxecto que vén desde Forcarei e cuxa vía de evacuación seguirá até Castrelo de Miño. “Un proxecto feito desde Madrid por empresas de capital especulativo e fondos de investimento que non ten en conta os lugares e as explotacións da zona, pois, de executarse, tal e como se estudou xa no Concello de Muros desde a Universidade de Vigo, contribuiría ao proceso de baleiramento demográfico e comprometería o sector primario e o turismo, para alén do alto impacto ambiental das torres de centos de metros, do aceite verquido ao solo, afección nas traídas veciñais das zapatas ou o ruído que afecta a un radio de dous quilómetros”.
Así as cousas, explican, “o PP na Xunta, que debe emitir informes, e o PSOE na Moncloa que tramita a DIA terán que explicarnos como se defende a candidatura a Patrimonio da Humanidade e as crecentes limitacións e cargas fiscais que se impoñen aos moradores das parroquias, en canto as multinacionais e os fundos voitre fan o que lles peta”.
Neste momento está aberto o período de alegacións, polo que animan a todas as persoas a alegar e as directamente afectadas pola poligonal a personarse no expediente. Piden que “ninguén asine nada sen ter asesoramento legal e sen pasaren os parques aínda a declaración de impacto ambiental, pois o proxecto vai sufrir mudanzas ou mesmo pode non executarse, mais quen asine tería cedido xa o dereito de superficie de toda a súa finca”.
“O Alto de Ramos e as parroquias de Vilaúxe, Pereira, Santa Uxía, Esmoriz e Bermún non poden ser territorios de sacrificio cando Chantada e Carballedo xa contribúen notabelmente á produción eléctrica cos encoros de Belesar e Peares ou co parque do Faro e cando se podería producir a mesma enerxía con paneis fotovoltaicos nos tellados dos milleiros de construcións dos nosos concellos”, sinalan dende Por Chantada. Para eles, existe “un interese especulativo que xa se materializou nos últimos vinte anos en proxectos pasados no Alto de Ramos e na Vacariza, que felizmente se puideron parar”.
IGV lamenta “a complicidade dos alcaldes de Carballedo e Chantada que deberían estar informando a veciñanza e expondo o proxecto con luz e taquígrafos para alén de exerceren unha defensa xurídica conxunta fronte a esta ameaza de espolio social e territorial”.