Pontón ve prioritarias as infraestruturas na presentación da candidatura nacionalista por Lugo

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Pontón fixa como prioritario completar o mapa de infraestruturas de Lugo cun grupo galego forte en Madrid o 23X
presentacion candidatos provincia lugo congreso sentado ponton
30 Xuño 2023

Cualifica de fundamentais para a axenda galega a creación dun xulgado de violencia de xénero ou a modernización do ferrocarril.

A portavoz nacional, Ana Pontón, asistiu á presentación das candidaturas do BNG para o Congreso e o Senado pola provincia de Lugo. Estivo acompañada polo portavoz municipal, Rubén Arroxo, e polas persoas que integran as listas, entre as que se atopa Daniel Castro como número un ao Congreso.

“Este 23 de xullo está en xogo que Lugo e que Galiza conten ante o Estado, está en xogo ter unha voz propia que defenda os intereses desta provincia, e está en xogo que se poña sobre a mesa o que precisa Lugo para ter un futuro mellor” declarou a líder nacionalista. “Se hai un lugar que sexa sinónimo de discriminación de todos os gobernos do Estado ese é Lugo. Nós queremos poñer Lugo no mapa, queremos poñer a Lugo no centro da axenda galega e sabemos que este é o momento de facelo” indicou.

“Fronte ás forzas centralistas que fan o que lles ordenan en Madrid, o BNG vai poñer Galiza na axenda do Estado coa forza que nos dean os galegos e as galegas o próximo 23X”, subliñou. Por iso, indicou a necesidade de “contar cun grupo galego forte no Congreso para poder ser determinantes e ter a capacidade de loitar polos nosos intereses” e recalcou que “o BNG sae a por todas, sen límites e co obxectivo claro de ter un grupo galego forte en Madrid”.

“Levamos anos vendo como gobernos do PP e do PSOE teñen a autovía A54 Santiago-Lugo sen rematar. Para eles Galiza pode esperar pero nós dicimos que non. Galiza non pode seguir esperando nin aturando tanta discriminación”, subliñou Pontón, destacando tamén que “o voto do respecto a Galiza é o voto do BNG”. A líder do Bloque puxo sobre a mesa a necesidade que ten Lugo “dun ferrocarril do século XXI, modernizado e electrificado” ou o incumprimento do acordo de investidura na última lexislatura por parte do PSOE ao “non crear o xulgado de violencia de xénero que se acordara para Lugo”.

Pontón lembrou que “nos últimos anos, un só deputado do BNG foi máis útil para Galiza que os 23 restantes ao servizo das forzas estatais”, motivo polo que “o Bloque presenta para este 23X unha candidatura de país, que non ten os seus centros de decisión en Madrid e que representa a Galiza”. “Apostaremos con decisión por poñer a Galiza no centro para que a axenda galega se escoite”, declarou.

Daniel Castro, cabeza de lista ao Congreso pola provincia de Lugo

O candidato por Lugo, Daniel Castro, destacou que “imos a por todas e sen límites, sabendo que en torno ao noso proxecto temos a ilusión de moitos galegos e galegas que van depositar a súa confianza nun partido que podemos asegurar que non lles vai fallar”. Castro cualificou o voto ao BNG como un “win-win”, un voto a través do que “gaña Galiza, gañan os galegos e as galegas e gañamos todos e todas parando a esa combinación letal para o noso País que é o tándem PP-Vox”.

“Se a cidadanía colle a papeleta do Bloque o 23X vai ter un deputado que pelexe pola autovía A74 para a Mariña, que consiga a liberalización do dique norte de Alcoa e que defenda os postos de traballo” indicou o candidato ao Congreso, engadindo que “temos claro que Lugo Sur merece máis, merece recuperar o tren nocturno a Barcelona, merece o Porto Seco e merece impulsar o sector vitivinícola”.

Castro describiu a candidatura como “unha lista que mestura xuventude e experiencia, que representa a toda a provincia, de norte a sur, con xente do sindicalismo, do turismo, da sanidade, do metal, do rural e da cidade, con xente con experiencia no municipal, con xente como Cristina López, Rosana Prieto, Montse Porteiro ou Iago Suárez”, todo cunha aposta que declarou facerlle especial ilusión: a aposta pola mocidade.

O 23X: o momento de facer historia cunha Galiza que conte

Pontón convocou á cidadanía galega a que o 23X acuda ás urnas “coa cabeza e co corazón en Galiza, sumando todo o voto galego, de país, no BNG”. “Xogámonos o presente pero tamén as decisións que van marcas o noso futuro”, afirmou.

A líder nacionalista quixo amosar tamén o seu compromiso con Lugo declarando que “o voto ao BNG vai valer para seguir traballando en temas cruciais no territorio como unha conexión ferroviaria sólida e actual”. “Estamos a falar de necesidades básicas da provincia porque sabemos que as melloras en infraestruturas veñen da man de máis desenvolvemento económico, máis capacidade para atraer novas industrias e máis dinamismo”, indicou, denunciando que “para poder medrar, a Lugo fáltalle unha mellora nas infraestruturas que dependen do Estado”.

Pontón destacou tamén que o Bloque sae este 23X “a por todas, coas pilas cargadas e co ánimo que nos dá ver que, en cada proceso electoral, o BNG é a forza política referente para a xente que quere unha Galiza mellor”. “Estamos cheas de forza e ilusión para galeguizar a campaña porque isto non é un xogo a dous. Reclamamos xustiza e dignidade para os galegos e as galegas”, concluíu.

0.21625900268555