Pontón reclama ampliar a 100 metros as franxas de protección dos núcleos poboacionais ante os lumes

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, visitou este xoves as zonas afectadas polos lumes en Quiroga e A Pobra do Brollón, acompañada polo alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Luís Maceda; o segundo tenente de alcalde de Quiroga, Xosé Manuel Fernández; a deputada Montserrat Valcárcel e os deputados Secundino Fernández e Iago Suárez; o deputado provincial Daniel García e responsables políticos da comarca.
Pontón cualificou a vaga de incendios do mes de agosto como unha “auténtica catástrofe ambiental, social e económica” que, subliñou, “ten que ser un punto de inflexión para que algo así non volva suceder”.
Durante o seu percorrido, explicou algunhas das máis de 50 medidas recollidas no plan integral do BNG Da cinza á vida, entre as que destacou a proposta de ampliar a 100 metros as franxas de protección arredor de vivendas e núcleos de poboación, para o que reclamou “a creación dun fondo extraordinario por parte da Xunta que garante a súa execución”.
A líder nacionalista apostou tamén por un cambio profundo no modelo forestal e advertiu que “non podemos seguir vendo especies pirófitas nunha cantidade moi importante que dificultan a loita conta os lumes”. Defendeu, neste sentido, unha ordenación en mosaico que combine zonas forestais con outros usos, como garantía de protección fronte a incendios cada vez máis virulentos.
Ademais, denunciou que as medidas anunciadas pola Xunta son “insuficientes” e que “non están ben adaptadas ás necesidades que estamos detectando”. Por iso, avanzou que o BNG proporá elevar ata 200.000 euros a contía máxima para a recuperación de vivendas, incorporar unha axuda de 6.000 euros destinada a autónomos e recoñecer o lucro cesante das explotacións afectadas.
Pontón acusou ao Goberno de Alfonso Rueda de “desmantelamento durante 16 anos de moitas das políticas que había na loita contra os incendios”, lembrando que en 2012 se reduciron as franxas de protección e que este ano “deixou sen executar 11 millóns de euros en prevención, por certo, unha parte deles, destinados precisamente ás franxas de protección a vivendas en zonas de máximo risco”.
“Esta situación o que nos debe levar é a outro tipo de políticas”, concluíu Pontón, reiterando que o BNG esixirá responsabilidades políticas ao Executivo autonómico pola súa xestión desta vaga de incendios.