Ponse en valor o Centro para persoas con Discapacidade Física de Bóveda
O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, visitou no día de onte os usuarios do Centro para persoas con Discapacidade Física de Bóveda, un espazo de atención integral especializada, que está destinado a persoas con dependencia por unha discapacidade física gravemente afectada.
Alí puxo en valor os métodos residenciais baseados na innovación e que teñen como obxectivo alcanzar un futuro e unha saúde mellorada para as persoas que máis o precisan.
Durante a súa visita o director xeral salientou o traballo diario que se leva a cabo nestas instalacións, nas que se ofrece unha atención innovadora, personalizada e adaptada a cada un dos usuarios atendendo ás súas necesidades persoais.
Acevedo percorreu as instalacións da residencia e coñeceu de primeira man os servizos que prestan, como a atención psicolóxica, a de enfermaría, a de estimulación psicomotriz, os obradoiros de memoria ou estimulación cognitiva e a terapia ocupacional, entre outras actividades.