Polémica en Chantada polo convenio entre o Concello e empresas promotoras de parques eólicos

O convenio asinado o 14 de maio entre o Concello de Chantada e as empresas Tipuana Wind SL e Seyal Wind SL, promotoras dos macroparques eólicos Agratina e Agromaces (116,91 MW), xerou numerosas críticas por parte do grupo municipal Por Chantada – Interior Galego Vivo, que denuncia publicamente o acordo, que afecta a varias parroquias de Chantada e Carballedo.
Desde Por Chantada acusan ao alcalde de “verter mentiras e medias verdades” a través das redes oficiais do Concello e insisten en que “as empresas non pediron aínda a declaración de utilidade pública, como calquera pode comprobar no BOE nº127 (27/05/2025)”. Ademais, o grupo afirma que “non existe aínda declaración de impacto ambiental nin autorización administrativa previa” e que “o alcalde asinou unha ficción, hipotecando o futuro do Concello sen garantías e colocando ás empresas por riba da veciñanza”.
Por Chantada tamén cuestiona as supostas ofertas das compañías, afirmando que “non son un favor: son unha obriga legal recollida nos artigos 5 e 16 da Lei 2/2024, de 7 de novembro”, e asegura que a repartición económica prevista é inxusta, con Chantada percibindo durante a maior parte da vida útil dos parques “menos de 45.000 euros ao ano, mentres os custos ambientais e sociais recaen sobre a veciñanza”.
O grupo engade que o convenio beneficia de forma desproporcionada ás multinacionais, cun 2,5% dos beneficios só nos 5 primeiros anos, 1,5% do ano 6 ao 10, e 1% do 11 ao 30, mentres que consideran que a distribución dese 1% é “inxusta” para Chantada, “que soporta a maior parte dos muíños, só recibe 11,76% por Agratina e 6,25% por Agromaces”. Ademais, Por Chantada considera que o convenio “é ilegal e leonino”, pola súa duración de 30 anos e confidencialidade de 35, e que se asinou “sen informe xurídico que avale a súa legalidade, sen pasar polo Pleno nin ser público até que nós o fixemos”.
O grupo critica tamén o uso de recursos municipais, sinalando que “o 3 de setembro, o Concello de Chantada usou as redes oficiais, que pagamos todos, como se fosen as do PP, para verter mentiras e medias verdades, cando deberían empregar a súa propia páxina partidaria, aquela que só activan un mes cada catro anos”. Por Chantada acusa ao alcalde, Manuel Lorenzo Varela, de actuar de maneira similar noutros proxectos, mencionando “o canon de Belesar e Os Peares, a rúa Xoán XXIII, Aquagest ou o parque eólico do Faro”. Por todas estas razóns, o grupo reafírmase na súa defensa da veciñanza e esixe a súa “dimisión inmediata”.
Pola súa parte, o alcalde defende o acordo sinalando que “é un convenio, para no caso de facerse o parque eólico ter os beneficios que ofrece a empresa”. Explica que estes convenios son iniciativas da empresa promotora, “que decide entregar parte dos seus beneficios pola produción de enerxía eólica aos territorios en forma de mellora de espazos públicos, conservación do patrimonio, propostas culturais… Os concellos onde están proxectados parques poden asinarlle ou non, os parques faranse ou non independentemente deste acordo”.
Varela explica que “a concesión dos parques eólicos a esta empresa foi aprobada polo Goberno do Estado como actuación de interese público, estivo a exposición pública e agora falta a diapositiva. Todo está en tramitación e aínda podería pararse. O acordo asinado polos concellos é independente deste proceso, só garantiría que se se fan os parques, se poidan beneficiar de melloras sociais nos seus territorios”.
O rexedor tamén destaca que o convenio contempla programas de eficiencia enerxética en edificios públicos e mecanismos de seguimento conxuntos para garantir transparencia e efectividade, e que “no caso de executarse o parque, o Concello recibiría ingresos principalmente polas licenzas e polo ICIO. Co convenio recibiríamos tamén beneficios sociais, pero para iso o proxecto tería que estar finalizado e aínda está pendente de trámites que o poden parar”.
Así, o alcalde asegura que “non se fixo nada ás agachadas, seguiuse un procedemento normal, con todo absolutamente legal. Non é un convenio para facer o parque, iso non depende do Concello. É un convenio, para se se fai o parque ter os beneficios que ofrece a empresa. Quero que se o proxecto se materializa, o pobo de Chantada poida percibir melloras”.