Polamiúda prepara a IV edición do festival Polas Bravas

RibeiraSacraXa
O cartel será presentado este sábado e previamente, o venres, haberá un obradoiro gratuíto a cargo de EmeDJ
polas-bravas-2024-foto-polamiuda
17 Mar 2026

A asociación feminista chantadina Polamiúda dará a coñecer este sábado 21 o cartel completo da cuarta edición do festival Polas Bravas, que se celebrará os días 5 e 6 de xuño na vila. O evento, pensado para todos os públicos, combina arte e feminismo desde unha perspectiva transversal.

A presentación terá lugar ás 12:00 horas no bar das Piscinas, e contará coa asistencia de autoridades locais e entidades colaboradoras. Ao remate, os asistentes poderán gozar dunha sesión vermú a cargo de EmeDJ, unha das DJs máis recoñecidas a nivel nacional, con máis de 15 anos de traxectoria en clubs e festivais como Sonar, FIB, BBK Live, Arenal Sound, O Son do Camiño ou MRV Day.

Dentro da programación previa á presentación, o venres 20 EmeDJ impartirá o obradoiro gratuíto “Da mestura ao corazón da pista”, centrado no oficio de DJ. A actividade combina prácticas de mestura musical con explicacións sobre o contexto cultural e social deste traballo artístico, achegando aos participantes os fundamentos da profesión.

Segundo os organizadores, o obradoiro é unha experiencia participativa para todas as idades, na que tamén se abordarán valores como a creatividade, a escoita, o respecto e a conexión emocional coa música. Para asistir, é necesaria inscrición previa a través do correo polamiuda@gmail.com.

0.11893796920776