Polamiúda organiza unha xornada para abordar a violencia machista que persiste tras unha ruptura

A asociación feminista Polamiúda volve situar no centro do debate unha realidade pouco visibilizada pero profundamente daniña: a violencia que moitas mulleres sofren despois de poñer fin a unha relación de parella. A cita será este sábado, 7 de febreiro, a partir das 18.30 horas no Auditorio Municipal de Chantada.
A iniciativa parte dunha constatación clara: aínda que as separacións son hoxe máis frecuentes e as mulleres contan cunha maior autonomía, en numerosos casos a ruptura non supón o fin da violencia. Pola contra, algúns homes empregan mecanismos legais vencellados á patria potestade, á custodia ou aos coidados como ferramentas de control e dominación. Neste escenario, nenas, nenos e adolescentes convértense en vítimas directas e, ao mesmo tempo, en instrumentos para prolongar o dano cara ás súas nais.
Baixo o lema “Violencia tras a separación: medidas civís con menores como mecanismo de dominación”, Polamiúda propón unha reflexión colectiva que comezará coa proxección do documental No estás loca, dirixido por María Bestar, unha obra que aborda o impacto psicolóxico e social destas violencias invisibles.
Tras a proxección, o público poderá participar nun coloquio cun panel de especialistas de referencia: a avogada experta en violencia de xénero e infancia Mercedes Sierra; a psicóloga especializada en trauma complexo e disociación Lucía Rodríguez Lago; a terapeuta ocupacional e directora do centro Neurosinais, Sandra Rodríguez; e a xinecóloga do CHUAC Pilar Eugenia Martínez López.