Piden o arranxo e a reconstrucción da estrada N-120 ao seu paso por Quiroga
O estado da estrada N-120 ao seu paso por Quiroga produciu que o alcalde do municipio, Julio Álvarez, chamase á subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez López, para solicitarlle que xestione o arranxo da mesma.
Máis de 30 quilómetros da estrada pertencen a Quiroga, a o rexedor explica que "está chea de fochancas, o que fai moi dificultosa a circulación e incluso perigosa, sobre todo en días de chuvia".
O problema, en opinión de Julio Álvarez, non se vai resolver tapando as fochancas, xa que "a banda de rodamento desta estrada leva moitos anos feita, ten unha vida que xa rematou, polo que habería que fresala e facela de novo, polo menos a banda de rodamento".
E defende que, no caso de non reconstruíla, "todos os anos estará na mesma situación, posto que a banda de rodamento actual comezouse nos anos 70 e evidentemente, como todos os materiais de construción, teñen unha vida e se deterioran".
Julio Álvarez pediulle á subdelegada do Goberno que se dirixa á Xefatura Territorial de Estradas na Coruña e ao Ministerio de Infraestructuras para que solucione este problema que fai "que unha estrada importante, en canto ao número de vehículos e usuarios, en época invernal, case perda a categoría de Estrada Nacional para converterse nunha vía que non reúne as condicións para ter esta consideración".