Pedro Blanco puxo en valor a ampliación horaria e de servizos da oficina de Correos en Taboada
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, informou no Concello de Taboada da ampliación de servizos de Correos nas áreas rurais, con preto de 1.000 carteiros e carteiras que atenden as 160 oficinas auxiliares distribuídas en todo o territorio galego.
Durante a súa visita acompañado polo alcalde, Roi Rigueira, e a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, puxo en valor a ampliación horaria e de servizos da oficina de Correos da localidade, que tras a súa informatización pasará de oficina auxiliar a integrar a rede de oficinas de Correos, que conta con 167 en toda Galicia, prestando os mesmos servizos que as outras 26 da provincia de Lugo.
Na visita tamén estiveron presentes o xerente da área noroeste de produtos e servizos de Correos, Xosé Chorén; o responsable da rede de oficinas da provincia de Lugo, Miguel García; o xefe de sector de distribución da provincia, Manuel Silva; a directora da oficina de Chantada e responsable da nova oficina de Taboada, Graciela Ledo; a xefa de reparto en Chantada, Begoña Carballo; e a responsable de atención ao cliente da nova oficina, Aurora Baltar.
Pedro Blanco destacou a aposta do Goberno “por achegar servizos públicos á veciñanza das contornas rurais, garantindo a igualdade de acceso aos recursos de todas as persoas, especialmente as que viven en concellos pequenos”. Neste senso, puxo de exemplo a dotación completa da oficina de Taboada, agradecendo o esforzo a todo o persoal implicado e ao seu alcalde.
En canto aos servizos, destacan o envío e recepción ordinaria de cartas e paquetería, o ingreso e retirada de efectivo, o abono de recibos de calquera subministración, contratación de seguros e enerxía, venda da lotería ONCE e Cruz Vermella, así como o pago de premios e xestións para as administracións públicas e a DXT.