Pedro Blanco garante o apoio do Goberno central na loita contra os incendios

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, desprazouse este martes á Pobra de Trives para visitar a base de operacións instalada pola Brilat, destinada a apoiar a loita contra os incendios nas provincias de Ourense e Lugo.
Desde esta base operan efectivos procedentes da Base General Morillo de Pontevedra, que forman parte do reforzo de 200 militares incorporados ao operativo da Xunta de Galicia desde onte. Estes militares colaboran na protección de persoas e do territorio fronte aos incendios forestais, organizándose en turnos que, segundo explica o delegado, garantizan atención 24 horas.
Acompañado polo subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, e pola alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez, Pedro Blanco destacou que “O Goberno está volcado con Galicia reforzando e ampliando medios para apagar os incendios” e avanzou a chegada de novos recursos do Mecanismo Europeo de Protección Civil. O delegado reiterou que o compromiso é atender todas as necesidades “cos medios que sexa necesario e de xeito inmediato”.
Os efectivos da Brilat e da Bripac (Brigada de Paracaidistas do Exército de Terra) suman 200 militares aos medios estatais que colaboran coa Xunta. Ademais, continúan operando a UME, o Ministerio para a Transición Ecolóxica, Protección Civil, así como a Garda Civil e a Policía Nacional.
Pedro Blanco agradeceu o traballo de todos os profesionais implicados, que “xógandose a vida en cada acción” protexen Galicia, e trasladou a súa solidariedade á familia do bombeiro ourensán falecido en León e aos catro bombeiros feridos onte en Ourense, desexándolles unha recuperación total.
“Agora a prioridade absoluta é protexer as persoas e o territorio apagando os incendios”, destacou. Ao longo da xornada, Pedro Blanco e o subdelegado desprazáronse tamén ao concello de Manzaneda para avaliar o impacto dos incendios xunto co alcalde Amable Domínguez.