Péchase a zona de xogos do Parque Eloísa Rivadulla de Chantada para a súa mellora

RibeiraSacraXa
A ampliación e mellora deste Parque Infantil supón un investimento de 48.400 euros, dos que o 70 % os subvenciona a Xunta de Galicia
Parque-Eloísa-Rivadulla-Chantada
15 Xul 2024

O Obradoiro Dual de Emprego Serra do Faro VIII, que forma a unha vintena de alumnas dos concellos de Chantada, Carballedo e Taboada; nos módulos de Xardinaría, Albanelaría e Atención Sanitaria; segue mellorando o Parque Eloísa Rivadulla co módulo de xadinaría.

En abril deste ano, co módulo de albanelaría, mellorouse a accesibilidade e habilitáronse novos baños públicos neste parque no que o alumnado de xardinaría comezaba a dotación dunha zona verde axardinada con árbores e bancos. Para a seguridade das usuarias durante o tempo que duraron as obras eliminouse o estacionamento, habilitando un parking público próximo.

“Seguimos apostando polo verde, pola rexeneración e plantación de novas árbores e por crear novas zonas de lecer”, destaca o alcalde, Manuel Lorenzo Varela. “Para o Concello de Chantada é un orgullo contar cunha zona como este parque ou o paseo fluvial. No Eloísa Rivadulla contamos coas Pistas de Tenis, a Gardaría Municipal e outras instalacións municipais, con todo quérese humanizar este espazo verde e dar servizos para a veciñanza”.

Así, o módulo de xardinaría do Obradoiro de Emprego, plantou no parque árbores e plantas, fixéronse pasais de formigón para protexer o céspede, colocáronse papeleiras e modificouse o sistema de rego da zona alta. Ademais destas actuacións no Parque Eloísa Rivadulla, o módulo de xardinaría mellorou outros espazos como unha pequena zona na Avda. de Lugo en confluencia coa rúa Ramón y Cajal.

“Aquí había unha esquina abandonada que se humanizou. Quixemos manter as escaleiras e poñer unha plataforma con arbustos e plantas”, explica Diego Otero, concelleiro de Parques e Xardíns.

Coa posta en marcha da zona axardinada do Parque Eloísa Rivadulla, este luns, 15 de xullo, péchase a zona de xogos. A ampliación e mellora deste Parque Infantil supón un investimento de 48.400 euros, dos que o 70 % os subvenciona a Xunta de Galicia a través da mellora de infraestruturas. Esta zona permanecerá pechada por 5 semanas e espérase abrila de novo para as Festas Patronais.

“É unha mágoa ter que pechar esta zona de xogos agora, pero as subvencións veñen cando veñen. Este Parque Infantil era o único que quedaba por remodelar na capitalidade municipal, así que para as Festas este espazo estará preparado para lucir a súa mellor cara”, explica Manuel Lorenzo Varela. Durante as obras de mellora da zona axardinada, habilitouse un aparcamento gratuíto nas proximidades que seguirá ao dispor de quen o necesite.

0.15165901184082