Pechan os aparcamentos laterais da rúa Curros Enríquez de Monforte
O Concello de Monforte vén de anunciar que a partir do vindeiro 16 de xaneiro non será posible utilizar os aparcamentos laterais da rúa Curros Enríquez debido aos traballos de instalación da nova tubaxe na rede xeral abastecemento do municipio.
A previsión é que os traballos se desenvolvan o longo de toda a próxima semanae que poida haber algún corte ó tráfico de vehículos, pero en momentos moi puntuais, xa que a Policía Local colocará a correspondente sinalización e informará aos veciños da rúa mediante carteis da prohibición de aparcar.
Esta actuación lévase a cabo nunha rúa de titularidade municipal que non require permiso de outras administracións, tan só do Concello de Monforte, o cal permite axilizar e avanzar nos traballos de instalación de dita tubaxe.
O alcalde, José Tomé Roca, salienta que "esta actuación, que segue o seu curso tras ser iniciada no pasado mes de novembro, supón un antes e un despois na mellora da rede xeral de abastecemento de auga de Monforte", e recorda que "con esta obra resolveremos un problema moi importante, xa que vai garantir que Monforte non se quede sen auga potable".
Obras de instalación da nova tubaxe na rede xeral abastecemento
Estes traballos iniciáronse a finais do pasado mes de novembro de 2022, e consisten dotación dunha nova tubería xeral de fundición na rede de abastecemento de auga, entre os depósitos do Cornado e os depósitos de San Vicente, cun investimento de 1,7 millóns de euros.
O inicio das obras tivo lugar na zona do Campo de fútbol de Ribasaltas, e a obra vai avanzando en dirección á cidade, dende os depósitos do Cornado, e vai desenvolvéndose por tramos.