Pechado o programa da XXI Mostra do Aceite de Quiroga
A Comisión Organizadora da XXI Mostra do Aceite que terá lugar o 30 de maio, pechou o programa de actos desta festa declarada de Interese Turístico.
O concello marcaba nesta edición que o aceite que se presente á mostra tiña que contar con rexistro sanitario, autorizado polo órgano competente. Este ano son catro os olivicultores inscritos para participar nunha Mostra do Aceite diferente e adaptada a unhas condicións e normas sanitarias que esixiron cambios na súa organización.
Os asistentes a esta Festa de Interese Turístico poderán seguir desfrutando da posta en funcionamento do muíño de aceite tradicional, adquirir o aceite de oliva virxe extra que se produce en Quiroga e outros produtos típicos e mesmo comer no recinto feiral, pero todo supeditado a unhas normas de control de persoas en todo o recinto feiral.
Para facilitar que os asistentes poidan ver a elaboración do aceite tradicional, ademais de verse en vivo no muíño como todos os anos, proxectarase este proceso na Capela das Farrapas, coa intención de que non haxa tanta aglomeración.
O recinto feiral estará aberto dende as 11:30 horas ás 14:00 horas do mediodía. Para poder acceder ao recinto da mostra e ao muíño poderase concertar cita previa, a través do teléfono 982.43.51.25. A organización decidiu que en cada hora (duración que se estima de cada visita) non haxa máis de 200 persoas en todo o recinto feiral, polo que aínda que a entrada é libre, darase preferencia de entrada a aquelas persoas que concertaran cita previamente.
Nesta edición tampouco faltará a parte festiva. A música do grupo de gaitas O Recanto deixarase sentir polo recinto feiral a partir das 12:00 horas do mediodía. Así mesmo, será unha mostra cunha normativa adecuada que cumprirá as normas sanitarias decretadas polas autoridades competentes en cada momento.