Patrimonio e natureza ao descuberto coa nova edición de “Déixate guiar” na Pobra do Brollón

RibeiraSacraXa
O programa estival ofrece visitas comentadas a xacementos, covas e adegas entre o 21 de xullo e o 14 de setembro, cunha proposta que mestura historia, tradicións e paisaxe
cova-das-choias-brollon
Mercado Circular, A Pobra do Brollón
22 Jul 2025

O Concello da Pobra do Brollón convida veciñanza e visitantes a mergullarse no seu valioso patrimonio natural e arqueolóxico a través do programa “Déixate guiar ‘25”, unha proposta de visitas guiadas que se desenvolverá entre o 21 de xullo e o 14 de setembro. A iniciativa abrangue catro enclaves singulares do municipio: o Castro de San Lourenzo, Penas do Castelo, a Cova das Choias e as adegas e miradoiro de Vilachá.

A actividade require reserva previa obrigatoria, que debe formalizarse cun mínimo de 24 horas de antelación no teléfono 603 965 082, preferiblemente por WhatsApp. O prezo por visita é de 5 euros por persoa, sendo gratuíta para menores de 12 anos. O pagamento faise directamente á guía antes de iniciar a ruta. Os grupos están limitados a 15 persoas, agás na visita á Cova das Choias, restrinxida a 10 persoas por cuestións de conservación.

Horarios das visitas:

  • Castro de San Lourenzo: luns 18:00 h / martes 11:00 h / mércores 11:00 h
  • Penas do Castelo: luns 11:00 h / xoves 11:00 h / venres 18:00 h
  • Cova das Choias: martes 18:00 h / xoves 18:00 h
  • Adegas e miradoiro de Vilachá: mércores 18:00 h / venres 11:00 h

A través destas rutas, os participantes poderán descubrir lugares como o Castro de San Lourenzo, onde se combina arqueoloxía e memoria coa recuperación dunha igrexa e camposanto medieval; Penas do Castelo, un impresionante espolón rochoso pendurado sobre o río Lor, no corazón da paisaxe do Courel; ou a Cova das Choias, un refuxio natural único onde habitan musgo luminiscente, morcegos e lendas do imaxinario popular.

Completan o percorrido as adegas medievais de Vilachá, situadas na Ribeira Sacra guímara, xunto a un miradoiro desde o que se contempla o enclave de Os Conventos, clave para entender a orixe das terrazas vitícolas da zona.

Desde o Concello destacan que o programa busca achegar á cidadanía ao patrimonio local con experiencias enriquecedoras, vivenciais e en pequenos grupos, co máximo respecto polos espazos naturais e culturais visitados. Tamén se ofrece a posibilidade de consultar dispoñibilidade para visitas en fin de semana.

⚙ Configurar cookies
0.68537998199463