Paso adiante para a protección do casco histórico de Monforte
O Plan Especial do Casco Histórico-Artístico de Monforte vén de ser inscrito no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia. Con este paso, explica o alcalde José Tomé, dótase ao municipio "dunha ferramenta esencial para mellorar o noso casco histórico, que nos permitirá, por exemplo, poder optar a importantes axudas para a rehabilitación de edificios ou para a mellora de diferentes espazos públicos incluídos nel, entre outras moitas accións encamiñadas a rehabilitar e revalorizar o conxunto do centro histórico".
O Plan Especial monfortino inscribíase de xeito definitivo no citado rexistro esta semana, despois de ser aprobado nunha sesión extraordinaria do pleno da corporación celebrada en novembro de 2020.
“O plan especial significa unha aposta decidida pola recuperación dos nosos valores coma cidade histórica, no que se teñen en conta as necesidades dos cidadáns que se ven afectados por esta regulación, pero no que tamén se atende ó interese común de todos os monfortinos e monfortinas, coa finalidade de protexer a nosa propia idiosincrasia cultural e histórica”, resaltou o rexedor municipal.
A aprobación definitiva do Plan Especial do Conxunto Histórico-Artístico supuxo un fito histórico para Monforte, ao ser a primeira vez na súa historia democrática que o municipio conta cunha regulación urbanística específica, destinada a protexer o patrimonio histórico, artístico e cultural. O goberno local comezara a traballar neste proxecto en xuño de 2015.
O Plan Especial produce por primeira vez unha valoración do estado das edificacións e das necesidades da súa rehabilitación. Así, fai unha avaliación estimada do que representa a recuperación integral do conxunto declarado, nun horizonte de 16 anos. Por un lado, repoñer en uso 281 vivendas hoxe desocupadas, e mellorar as condicións de habitabilidade doutras 154 vivendas ocupadas, así como rehabilitar e mellorar espazos en plantas baixas de locais comerciais e outros usos complementarios da edificación.