Paralizadas as prospeccións mineiras en Montefurado
O BNG congratúlase da decisión do Goberno da Xunta de paralizar as obras para unha canteira de lousa na parroquia de Montefurado, no Concello de Quiroga, se ben reclama a Administración que a partir de agora estea vixiante ante os novos pasos que pode dar a empresa para reactivar a súa actividade na zona, o que suporía de novo unha ameaza para o túnel romano construído hai arredor de dous mil anos para extraer ouro no río Sil.
Nunha resposta escrita ao BNG, que xa alertou hai meses no Parlamento galego do reinicio das obras para a mina e do perigo que supuña esta canteira de lousa para o patrimonio da Ribeira Sacra, a directora xeral de Relacións Institucionais, Sandra Vázquez, confirmou que os servizos de inspección constataron que na zona se estaban a realizar sondaxes de testificación, traballos para os que a empresa non contaba con autorización.
Tras a denuncia do Bloque, que levou ao Parlamento o deputado da comarca, Iago Suárez, a responsable de Relacións Institucionais informa ademais que “neste momento se está pendente de proposta de incoación dun expediente sancionador” á empresa. Unha decisión que responde á reclamación feita por Suárez nunha iniciativa rexistrada en setembro, na que instaba ao Goberno do PP a paralizar as obras retomadas tras anos de parálise e das queixas e alegacións por parte da veciñanza da parroquia de Montefurado e do Concello de Quiroga, do que forma parte o BNG.
“Aínda que a Xunta tardou moitísimo en dar resposta, dende o BNG consideramos unha boa noticia a paralización dos traballos para as prospeccións mineiras na zona do túnel de Montefurado, unha das grandes xoias da coroa da Ribeira Sacra e aínda hoxe unha das maiores obras de enxeñaría de Galiza”, asegurou Iago Suárez.
Porén, o deputado nacionalista fixo un chamamento ao Goberno do PP a estar máis vixiante que até o de agora, pois “non confiamos en que isto quede así durante moito tempo”, agregou, para expresar a continuación a sospeita de que a empresa intente retomar a actividade “por outros medios”.
Novas iniciativas parlamentarias
“Temos que defender Montefurado, temos que defender o noso patrimonio e temos que defender o noso medio ambiente”, considerou Iago Suárez, que avanzou que o BNG vai rexistrar novas iniciativas no Parlamento para obter información sobre a tramitación da sanción á empresa e sobre as actuacións que a partir de agora vai facer a Xunta para asegurar que non se reinicien os traballos para a explotación mineira.
No mesmo sentido pronunciouse o portavoz do BNG de Quiroga e tenente de alcalde no Concello, Xosé Manuel Fernández, quen subliñou que é grazas ás xestións feitas pola formación nacionalista que a veciñanza ten agora unha información máis clara do que está a acontecer coa canteira. “A falta de información estaba causando unha gran preocupación na contorna, pois non sabiamos se os traballos que se estaban a facer correspondían á investigación, a exploración ou eran a o comezo dunha canteira”, explicou.
“Mantémonos expectantes do que poda acontecer no futuro, sempre tendo claro que o proxecto desta mina afecta negativamente á contorna e ao valor patrimonial e cultural que representa Montefurado”, agregou, lembrando que por alí pasa o Camiño de Inverno e que a canteira afectaría ademais negativamente os núcleos de poboación situados ao seu arredor, como son Os Anguieiros, os Covallos, Sexmil, Vilanuide e Enciñeira.