Parada, en Folgoso do Courel, acolle o IX Festival dos Eidos

RibeiraSacraXa
A Fundación Uxío Novoneyra celebra este encontro multidisciplinar, que ten a poesía como fío condutor, co apoio económico da Xunta de Galicia
Festival-dos-Eidos-Folgoso-do-Courel
25 Ago 2024

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, puxo en valor o “importante impacto” que teñen as actividades culturais como axentes dinamizadoras do rural, referíndose ao Festival dos Eidos.

Fíxoo durante a súa participación na novena edición do Festival dos Eidos, que se está a celebrar na aldea de Parada, no municipio lucense de Folgoso do Courel, onde reivindicou o apoio do Goberno galego a este tipo de iniciativas, “que crean e fortalecen a comunidade nestas contornas”.

Precisamente, lembrou que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude terá lista despois do verán a orde de creación da Rede Adival de dinamización no rural de Galicia, “unha potente ferramenta para favorecer o acceso universal a cultura na procura de que ningunha persoa, por mor da súa residencia ou idade, quede fóra deste tipo de programación”.

Deste xeito, Anxo M. Lorenzo explicou que con esta rede se vai ampliar a oferta cultural nas vilas e localidades máis pequenas de Galicia para garantir que conten cunha programación regular.

Nesta liña, defendeu o apoio que o departamento de Cultura do Goberno galego está a dar a proxectos que axudan a dinamizar a economía da contorna e fixar poboación, ao mesmo tempo que promover o turismo cultural galego, como é o caso do Festival dos Eidos.

Neste senso, apuntou o feito de que, un ano máis, a Fundación Uxío Novoneyra celebra este encontro multidisciplinar, que ten a poesía como fío condutor, co apoio económico da Xunta de Galicia, para desenvolver, desde o pasado venres e ata o domingo, unha programación en diferentes puntos desta aldea lucense do Courel.

Ademais, salientou que, con esta colaboración, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude suma o Festival dos Eidos á axenda do CulturON, programación que está a ofrecer durante esta época de estío uns 30 espectáculos por día en máis de 200 concellos.

0.09243106842041