Papá Noel visitará O Saviñao este venres, 22 de decembro, e os nenos e nenas poderán subirse ao seu tren
O Concello do Saviñao presenta a súa programación de Nadal, que comeza este venres, día 22, coa visita do Papá Noel ao Saviñao.
Nesta visita, que comezará ás 16.30 horas, Papá Noel percorrerá no seu tren as rúas de Currelos e todos os nenos e nenas que queiran poderán subirse ao tren para dar un paseo con Micky e Minnie Mouse e Papá Noel ata chegar ao centro sociocultural. Ás 18.00 horas percorrerá do mesmo xeito as rúas de Escairón, ata o Concello, onde haberá chocolate con churros.
Con respecto a outras actividades, os días seguintes haberá diversos obradoiros, todos eles ás 11.30 horas na Lugoteca Escairón. Así, o día 26 terá lugar o obradoiro ‘Boneco de neve reciclado’, o día 27 o de ‘Adornos Para Árbore: Elfo’, o día 28 un obradoiro de cociña ‘Piñas de Nadal con cereais’ e o día 29 o de ‘Recipiente de uvas de fin de ano’.
Pola súa parte, xa en xaneiro, seguirán os obradoiros, comezando polo día 2, co obradoiro de flores de Nadal recicladas, o día 3 co obradoiro de pizzas de Nadal e o día 4, co obradoiro de marcapáxinas de Nadal.
Outras actividades
Por outra banda, outras actividades destacadas do Nadal no Saviñao serán a cabalgata de Reis, o Belén Vivente, unha cea de noiteboa baixo o nome de ‘Que ninguén cee só este Nadal’ e unha recollida de xoguetes.
Con respecto á Cabalgata de Reis, esta terá lugar o vindeiro 5 de xaneiro a partir das 16.30 horas, cando os Reis Magos percorrerán as rúas de Currelos ata rematar no centro sociocultural, e ás 18.00 horas percorrerán Escairón desde o Concello, parando na residencia de maiores, visitando o Belén Vivente e chegarán ao auditorio municipal.
Pola súa parte, o Belén Vivente será escenificado polos nenos e nenas das clases de catequese na Igrexa de Escairón o día 25 de decembro despois da misa das 12.00 horas, o 30 de decembro na Praza Maior ás 20.00 horas e o 5 de xaneiro na Igrexa de Escairón despois da misa das 19.00 horas.
Por último, a cea de Noiteboa está dedicada a todas aquelas persoas que estean soas na noite do 24 de decembro e queiran cear acompañadas. Esta iniciativa desenvolverase na casa parroquial. Ademais, farase unha recollida de xoguetes para que ningún neno quede sen o seu este Nadal.