Pantón dá comezo ás actividades de verán coa apertura das piscinas municipais

O Concello de Pantón vén de presentar a programación do Verán Cultural 2024, que inclúe actividades para todos os públicos durante os meses de xullo e agosto. O calendario arrinca esta mesma fin de semana cunha ampla variedade de propostas deportivas, culturais e de lecer.
Este venres comeza o Trail Heroica Sacra, unha proba deportiva que se prolongará ata o domingo e que discorrerá por algunhas das paisaxes máis destacadas do municipio. A carreira está organizada polo club Galaico Trail Run e a peña Saltasebes de Chantada, en colaboración co Concello de Pantón.
Tamén esta fin de semana abrirá a Piscina Municipal, que dará comezo á súa tempada de verán este sábado, 28 de xuño. As instalacións estarán abertas todos os días da semana, de luns a domingo, en horario de 13:00 a 21:00 horas.
O domingo, 29 de xuño, ás 19:00 horas, darán comezo as 36º Xornadas da Rota do Románico de Pantón, unha proposta cultural que se estenderá ata finais de agosto con diferentes conferencias e concertos. A primeira cita terá lugar no xardín do Mosteiro Cisterciense de Pantón, cun concerto de folclore ibérico a cargo do grupo Peitoescuro.
Do 1 de xullo ao 29 de agosto desenvolveranse os Campamentos Infantís de Verán, organizados por quincenas e que contarán coa participación de máis de 70 nenos e nenas. A iniciativa inclúe tamén servizo de madrugadores para facilitar a conciliación familiar.
O venres, 4 de xullo, terá lugar o primeiro dos espectáculos programados na Praza do Concello, todos eles previstos para as 23:00 horas. A primeira actuación será do grupo Carta de Ajuste. O 11 de xullo será a quenda do espectáculo de lume “Fire Performance” e o 18 de xullo terá lugar o concerto do grupo Son de Boleros.
As actuacións musicais do mes de xullo pecharanse co concerto do Festival 17º Ribeira Sacra, que se celebrará o 20 de xullo no Pazo de Ferreiroá.
Xa en agosto, o Concello de Pantón celebrará as súas Festas Patronais do 16 ao 18 de agosto.
O alcalde de Pantón, José Luis Álvarez, sinala que con esta programación “ofrecemos alternativas de lecer para os máis novos, cunha ampla oferta que inclúe case dous meses de campamentos, así como actividades culturais e musicais para todos os públicos. A apertura das piscinas e os eventos culturais fan de Pantón un lugar activo e para disfrutar durante todo o verán”.