Pantón presenta o programa completo da XXX Mostra de Viños da Ribeira Sacra

O Concello de Pantón celebra os días 9, 10 e 11 de maio, a XXX Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón que nesta edición achega importantes novidades tal e como se explicaba no acto de presentación da programación do que participaron o alcalde, José Luis Álvarez e concelleira, Cristina Domínguez.
As actividades da Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón déronse a coñecer nos xardíns do Castelo de Maside, un espazo idílico para anunciar que a cita festiva deste ano quere ofrecer aos visitantes, ademais dos viños das tres ribeiras, todo o municipio e os recursos paisaxísticos e patrimoniais, “Durante estes 3 días queremos presentar Pantón como unha experiencia, podendo gozar cos viños das nosas tres ribeiras e tamén do noso patrimonio cun románico espectacular e cunhas paisaxes sorprendentes. Queremos que a xente pense en Pantón como moito máis que viño”, aseguraba Domínguez.
Participan da Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón 9 adegas: Alma das Donas, Casa Moreiras, Finca Míllara, Ciudaseis, Nogueiras, Capilla, Saíñas, Don Ventura e Corzoás. Nesta ocasión cóntase cun días máis, comezando o venres, nesa xornada as casetas abriranse ás 19:00h e celebrarase a inauguración.
O programa arrancará coa apertura das casetas o día 9 ás 19.00 horas e o acto inaugural ás 20.30. Esa mesma noite actuarán as charangas Louband e Tukupá Batukada e o grupo Bafana Bafana.
O sábado, as casteas abrirán xa pola mañá, con catas e outras actividades. Ademais, celebrarase a tradicional Festa da Empanada e pola noite actuará a orquestra Galilea.
O domingo darase o pregón, que estará a cargo de Don Marcial Mouzo Vidal, comunicador da TVG e da RTVG. A orquestra Gran Parada será a encargada de pechar a festa cunha actuación ás 19.00 horas.