Pantón impulsa un obradoiro de teatro interxeracional contra a violencia de xénero

O Concello de Pantón pon en marcha un Obradoiro de Teatro Interxeracional no marco das actividades do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, unha iniciativa que emprega o teatro como ferramenta de reflexión, diálogo e sensibilización social.
A actividade presentarase o vindeiro venres, 29 de xaneiro, entre as 18:00 e as 20:00 horas no Auditorio da Casa da Cultura, nun encontro aberto ás persoas interesadas en participar neste proxecto. Durante esta sesión inicial recolleranse as preferencias horarias para adaptar o calendario das sesións ás necesidades do grupo.
O obradoiro desenvolverase ao longo de dez sesións de dúas horas, nas que as persoas participantes crearán de forma colectiva unha peza teatral curta centrada na violencia de xénero. O proceso culminará cun teatro foro, unha modalidade que permite a interacción do público, que pode propoñer cambios na obra e participar activamente na representación.
Ao longo dos encontros traballaranse técnicas de improvisación teatral ao tempo que se abordarán estratexias para identificar e combater a violencia de xénero, convertendo o grupo nun espazo seguro de expresión e aprendizaxe compartida. O proxecto busca, ademais, fomentar novas canles de diálogo coa veciñanza e fortalecer a comunidade a través do xogo e a creación colectiva.
As persoas interesadas en participar poden formalizar a súa inscrición a través do correo electrónico educadorfamiliarpanton@gmail.com.