Pantón consolida o seu Mercado de Nadal tras unha primeira edición de éxito

RibeiraSacraXa
O Concello fixa a primeira fin de semana de decembro como data estable para abrir os mercados de Nadal da comarca
Mercado-de-Nadal-Pantón-25
8 Jan 2026

O Concello de Pantón pechou cun balance moi positivo a celebración do I Mercado de Nadal, que tivo lugar os días 3 e 4 de xaneiro e que se estreou como unha nova cita comercial e de lecer no municipio. Durante a fin de semana, unha decena de postos instalados na contorna da Praza do Concello e do Edificio Sociocultural ofreceron unha ampla variedade de produtos, desde artigos de costura, xabóns, candeas ou pezas de arxila ata traballos de gancho, galletas artesás, bolsos, xoguetes, xoias ou material de papelería.

A iniciativa estivo aberta a profesionais da decoración de Nadal, das antigüidades e da artesanía, así como a vendedores do ámbito da alimentación, dos xoguetes e dos complementos. Ao longo de toda a fin de semana, en horario de mañá e de tarde, foron moitas as persoas que se achegaron á vila para realizar as compras de Reis, tanto no Mercado como no comercio local, aproveitando tamén as actividades complementarias organizadas especialmente para a infancia.

Desde o Concello destacan que, malia as baixas temperaturas, a resposta da veciñanza foi moi positiva e constante durante os dous días. A concelleira de Cultura, Cristina Domínguez, sinala que “para ser o primeiro ano o balance é moi positivo” e explica que varios dos postos participantes manifestaron desde o inicio a súa intención de repetir, dado o bo funcionamento do evento. Neste sentido, o Concello xa anunciou a celebración do II Mercado de Nadal de Pantón na primeira fin de semana de decembro, unha decisión consensuada cos propios expositores ao considerarse a data máis axeitada para este tipo de mercados e co obxectivo de abrir oficialmente a tempada de Nadal na comarca.

O Concello de Pantón agradece tanto o traballo e a implicación dos postos participantes como a resposta da veciñanza, que tamén se volcou nas actividades incluídas na programación de Nadal. Entre elas, destaca o éxito do tradicional Festival de Reis, celebrado o día 5, que encheu o salón de actos do Edificio Sociocultural, así como a segunda edición de Infantilandia, desenvolvida o día 2 de xaneiro no Pavillón Municipal. Segundo Domínguez, en Infantilandia rexistrouse unha asistencia moi superior á do ano pasado e tamén unha gran presenza de público procedente doutros concellos. No caso do Festival de Reis, subliña o seu carácter próximo e accesible, que permite ás nenas e nenos estar preto dos Reis nun ambiente cómodo e acolledor, algo especialmente valorado polas familias con menores con necesidades especiais.

⚙ Configurar cookies
0.075922012329102