Pantón celebrará o Entroido 2025 cun desfile e un concurso de disfraces

Pantón celebrará o Entroido 2025 cun completo programa de actividades que terá lugar o sábado 8 de marzo. O evento principal será o Desfile e Concurso de Disfraces, que sairá ás 16:00 horas desde as inmediacións do Colexio Monte Baliño e percorrerá as rúas do pobo ata chegar á Praza do Concello. Alí, os asistentes poderán disfrutar dunha chocolatada e un baile.
Premios do Concurso de Disfraces
O certame contará con distintas categorías e premios en efectivo para os mellores disfraces, tanto na modalidade de comparsas de adultos como infantís:
Comparsas de Adultos:
- Categoría A (grupos de 10 ou máis integrantes): 300 euros, 200 euros e 150 euros.
- Categoría B (grupos entre 5 e 9 integrantes): 150 euros, 125 euros e 100 euros.
- Categoría C (grupos entre 1 e 4 integrantes): 100 euros, 75 euros e 50 euros.
Comparsas Infantís
- Categoría A (grupos de 10 ou máis integrantes): 180 euros, 160 euros e 150 euros.
- Categoría B (grupos entre 5 e 9 integrantes): 100 euros, 75 euros e 50 euros.
- Categoría C (grupos entre 1 e 4 integrantes): 50 euros, 40 euros e 20 euros.
Inscricións e normativa do desfile
Os participantes deberán presentarse o sábado 8 de marzo ás 15:30 horas na rúa situada sobre o CEIP Monte Baliño de Ferreira. As inscricións realizaranse de forma presencial ata o venres 7 de marzo ás 12:00 horas no segundo andar do Edificio Sociocultural, onde tamén se entregarán os números de participación.
Unha vez coñecidos os gañadores, os premios serán entregados en efectivo. No caso dos menores de idade, o importe será recibido polo seu pai, nai ou titor legal, que deberán presentar DNI, dirección e teléfono de contacto.
O xurado estará composto por cinco representantes seleccionados por sorteo entre as comparsas con máis de 10 integrantes, así como unha persoa allea ao evento que terá voto de calidade en caso de empate. Os disfraces serán valorados en base ao vestiario, a elaboración, a posta en escena e a música.
O xurado poderá declarar deserto algún premio ou conceder mencións especiais se o considera oportuno. Ademais, todas as comparsas de máis de 10 integrantes recibirán un premio mínimo de 80 euros, non acumulable a outros premios. Tamén se outorgará unha axuda adicional de 50 euros aos grupos que inclúan unha carroza na súa comparsa, entendéndose por carroza unha estrutura metálica ou de madeira elaborada e decorada.