Pantón celebra os vindeiros 11 e 12 de maio a XXIX Mostra de Viños da Ribeira Sacra
O Concello de Pantón celebra os días 11 e 12 de maio a XXIX Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia. Na presentación desta edición participaron o alcalde de Pantón, José Luis Álvarez, e os concelleiros, Cristina Domínguez e Manuel López.
Como prólogo da Mostra, o xoves, 9 de maio, ás 20.30 horas na adega do Pazo de Ferreiroá haberá cata de viños de todas as adegas participantes, que estará comentada polo enólogo, Alfonso Losada Quiroga. “Para nós é unha persoa ilustre que nos dará a coñecer o viño máis alá dunha copa”, explicaba Cristina Domínguez.
Nesta XXIX edición participan 10 adegas: Alma das Donas, Casa Moreiras, Finca Míllara, Ciudaseis, Nogueiras, Capilla, Saíñas, Don Ventura, Corzoás e Fento Wines.
Actividades e desenvolvemento
A apertura das casetas farase ás 12.00 horas do sábado e media hora despois entregaranse os premios do IX Concurso Fotográfico Red Ribeira Sacra-Viticultura Heroica. No recinto feiral haberá ademais de degustación do viño, produtos de gastronomía.
Ademais, o sábado ás 13.00 horas inaugurarase o evento por D. Antonio Acevedo Prado, director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria e ás 13.30 horas terá lugar o 'Día Movemento Viño D.O.' brinde simultáneo en todas as D.O. de España.
Xa ás 14.30 horas terá lugar a VII Festa da Empanada no recinto do Castro e ás 21.00h virá a música a cargo da Orquestra Gran Parada.
Pola súa parte, o domingo a partir das 12.30 horas será a recepción de autoridades no recinto feiral e ás 13.00 horas terá lugar o Pregón da XXIX Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón a cargo de Dona Alexandra Seara Sobrino, Xerente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra. Xa ás 16.30 horas actuará a Batukada Xograres de Lemos e ás 19.00 horas a orquestra Saudade.
Nas dúas xornadas contarase con ambientación musical de charangas e haberá tamén servizo de autobuses con Monforte e Escairón. Este servizo ten cada vez máis demanda e próximamente daranse a coñecer os horarios.
O alcalde, José Luis Álvarez, destacaba a importancia desta cita para promocionar o municipio e os seus viños, sendo ademais un dos principais atractivos na axenda festiva de Pantón.
“Somos o único concello da Ribeira Sacra con tres ribeiras, iso xa é especial. Tamén é especial porque que é das últimas feiras que se celebran na D.O. e é moi bonita, quedades todos convidados”.
Cristina Domínguez aseguraba que “mantemos o encanto dunha feira tradicional e pequena, con carácter cercano para veciños e visitantes que nos acompañan. Para o pregón contamos cunha persoa que é veciña e coñecida. Para nós é unha honra que Alexandra Seara sexa a pregoeira desta edición porque é moi querida por todos e porque queriamos que este ano pregoase unha muller e non calquera muller”.
Despois desta Festa de Interese Turístico de Galicia, Pantón acollerá unha nova edición de Rota do Románico.