Pantón celebra o 25 de maio a XIII edición da súa carreira popular “A Rota do Románico”

O Concello de Pantón acollerá o vindeiro domingo, 25 de maio, unha das súas citas deportivas máis consolidadas: a XIII edición da carreira popular ‘A Rota do Románico’. O evento, que reúne cada ano a ducias de corredores de todas as idades, desenvolverase pola mañá e contará con diversas categorías para público infantil e adulto.
As inscricións están abertas ata o xoves 22 de maio ás 23.59 horas na páxina web www.championchipnorte.com.
Para os máis pequenos, establécense catro categorías femininas e masculinas:
- Mini (2021 e posteriores): 50 metros
- Categoría A (2018-2020): 400 metros
- Categorías B (2016-2017) e C (2013-2015): 800 metros
- Categoría D (2010-2012): 1100 metros
Todos os menores recibirán unha medalla conmemorativa pola súa participación.
A carreira absoluta, destinada a persoas nacidas no ano 2009 e anteriores, terá un percorrido de 6,27 quilómetros. Haberá diferentes categorías para homes e mulleres, e os tres primeiros clasificados de cada unha recibirán trofeos.
A recollida de dorsais e chips realizarase o propio día da proba, na carpa da organización situada diante do edificio sociocultural, entre as 09.30 horas e as 11.30 horas. As probas infantís comezarán ás 11.00 horas, e a carreira absoluta dará comezo ás 12.00 horas.
Segundo recolle o regulamento, non estará permitido o acompañamento dos corredores por vehículos, o dorsal deberá colocarse de forma visible na parte dianteira e non poderá ser modificado. Na carreira absoluta será obrigatorio o uso do chip de cronometraxe facilitado pola organización, agás para os que dispoñan de chip amarelo propio. Ao finalizar a proba, todos os participantes recibirán avituallamento na zona habilitada.
O alcalde de Pantón, José Luis Álvarez, destacou o carácter deportivo e popular desta cita, e animou á veciñanza e a persoas doutros lugares a participar: “É unha oportunidade para compartir os valores do deporte e gozar da fermosa contorna que ofrece o percorrido da carreira.”