Pantón acolle un ano máis o obradoiro de emprego Ricra VI
Os concellos de O Saviñao, Sober e Pantón recibiron unha subvención da Xunta de Galicia, a través da consellería de Promoción de Emprego e Igualdade, para a realización dunha nova edición do obradoiro dual de emprego (Obradoiro de Emprego Ricra VI). Nel se compatibilizará a formación teórica coa experiencia profesional.
Haberá un total de 20 prazas e unha vez superado o curso satisfactoriamente, obterase o certificado de profesionalidade correspondente.
O obradoiro terá a sede no Castro de Ferreira e a súa duración será de 12 meses, rematará o 18 de setembro do vindeiro 2023. A el asistirán 20 alumnos-traballadores repartidos nos módulos de forestal (7 persoas), carpintería (7 persoas) e na rama socio-sanitaria (6 persoas).
Estes obradoiros son unha das medidas de fomento do emprego impulsadas pola Xunta máis solicitadas polos concellos, cuxo principal obxectivo é a contratación de persoas desempregadas para formarse e traballar en áreas con demanda no mercado laboral.
Dende o inicio da súa participación no obradoiro dual de emprego, o alumnado-traballador será contratado pola entidade promotora na modalidade de contrato para a formación e aprendizaxe, polo que percibirá unha retribución equivalente ao 100% do salario mínimo interprofesional incluída a parte proporcional dunha paga e media extraordinaria.
A Xunta de Galicia subvencionará os gastos derivados da posta en marcha e desenvolvemento de obradoiro e dos custos de contratación das persoas participantes.
É importante resaltar tamén que a Administración autonómica, promove outros programas para incentivar a xeración de emprego local e garantir a ocupación de persoas desempregadas, especialmente das que teñen maiores dificultades de inserción profesional.