Pantón acolle este xoves un novo obradoiro de Teatro Interxeracional

O Concello de Pantón pon en marcha un Obradoiro de Teatro Interxeracional no marco das actividades do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, unha iniciativa que emprega o teatro como ferramenta de reflexión, diálogo e sensibilización social.
A actividade presentouse o pasado venres, 29 de xaneiro nun encontro aberto ás persoas interesadas en participar neste proxecto, onde se recolleron as preferencias de datas e horarios para levar a cabo as actividades.
O obradoiro desenvolverase ao longo de dez sesións de dúas horas, nas que as persoas participantes crearán de forma colectiva unha peza teatral curta centrada na violencia de xénero. O proceso culminará cun teatro foro, unha modalidade que permite a interacción do público, que pode propoñer cambios na obra e participar activamente na representación.
As persoas interesadas en incorporarse aos talleres nos que coñecerán técnicas de improvisación teatral ao tempo que se aborda a violencia de xénero e estratexias para combatila, poden participar na seguinte cita que terá lugar o xoves, 5 de febreiro, na Casa da Cultura de Ferreira.
Para máis información e inscricións poden contactar cos teléfonos 982 456 005 ext 4, 982 456 377 ou no correo educadorfamiliarpanton@gmail.com.